Hispania

Territorio da diocese romana de Hispania coa división provincial de Diocleciano

Hispania foi o nome dado polos fenicios á Península Ibérica, posteriormente utilizado polos antigos romanos para toda a península (Portugal, España, Andorra e Xibraltar) e para as dúas provincias creadas posteriormente durante a República Romana: Hispania Citerior e Hispania Ulterior. Durante o Principado, a Hispania Ulterior foi dividida en dúas novas provincias: a Bética e a Lusitania, en tanto a Hispania Citerior foi rebautizada como Tarraconense. Máis tarde, a parte occidental da Tarraconense foi separada, inicialmente como Hispania Nova, e máis tarde rebautizada como Callaecia (ou Gallaecia, correspondente á actual Galiza, Norte de Portugal e Asturias e parte de León). Durante a tetrarquía de Diocleciano (284), o sur da Tarraconense foi separado para constituír a provincia Cartaxinense. O conxunto de todas as provincias hispánicas formaban unha única diocese civil, baixo a dirección do vigairo de Hispaniae, cuxas competencias se estendían tamén á Mauretania Tinxitana (ao redor de Tánxer) que, polo tanto, eran oficialmente consideradas 'hispánicas'.

A ocupación romana comezou o 218 a.C. co desembarque dos romanos en Empúries e terminou a mediados do século V, época en que toda a península asistiu á invasión dos suevos, alanos e vándalos e, máis tarde, dos visigodos. Ao longo de todo este período, tanto os pobos como a organización política do territorio sufriron profundas e irreversíbeis mudanzas, e a Hispania converteuse nunha parte fundamental do Imperio Romano, proporcionándolle un enorme caudal de recursos materiais e humanos, ao mesmo tempo que foi unha das rexións máis estábeis do Imperio.

O termo "Hispania" tamén foi utilizado, polo menos ata finais da Idade Media para referirse a diferentes territorios da Península Ibérica.

Historia anterior

Nativos ibéricos

Ver artigo principal: Pobos ibéricos prerromanos.

Ademais dos pobos autóctonos, xa entre os séculos VIII e VII a.C. os fenicios (e, posteriormente, os cartaxineses) se fixaran na zona oriental, ao sur do río Ebro. Instaláronse na faixa costeira mediterránea, establecendo grandes emporios comerciais que, ademais de lles servir para canalizar para o comercio mediterráneo os minerais e outros recursos abundantes na península, introduciron tamén na rexión algúns dos produtos elaborados no outro extremo mediterráneo.

Como potencia comercial, Cartago ampliaba os seus intereses até a illa de Sicilia e ao sur da Península Itálica, o que pronto resultou nun conflito de intereses entre esta e o incipiente poder que xurdía en Roma, enfrontando as dúas potencias nas célebres guerras púnicas. Á primeira, que culminou nun inestábel armisticio, logo seguiu a segunda, que terminaría doce anos despois co dominio efectivo de Roma sobre as rexións cartaxinesas no sueste da península.

A Iberia cartaxinesa

Despois da primeira guerra púnica, os descendentes de Amílcar Barca iniciaron a submisión efectiva da península, que se estendeu a unha grande parte, sobre todo no sur e na costa oriental. O feito foi conseguido mediante tributos, alianzas, matrimonios ou, simplemente, usando a forza. A península proporcionaría a Cartago un importante abastecemento de tropas, quer mercenarias quer aliadas, así como de recursos minerais, co que podería enfrontarse a Roma e reafirmar o seu dominio no Norte de África.

Entre tanto, o conflito pola hexemonía de Sagunt, cidade costeira helenizada e aliada de Roma, daba inicio á segunda guerra púnica. Como reacción á presión do conflito, foron asasinados os partidarios de Cartago e, en resposta, Aníbal cercou a cidade (218 a.C. ) -que, a pesar de solicitar a axuda de Roma, nunca a chegou a recibir-, apoderándose dela, aínda que sen se librar dunha dura e sanguenta loita, durante a cal foi ferido. Moitos dos habitantes preferiron suicidarse a someterse á escravitude que os esperaba nas mans de Cartago.

Coa rexión dominada, Aníbal conduciu os exércitos en dirección á Península Itálica. Roma, asistindo ás vitoriosas mobilizacións cartaxinesas, responde cortando as subministracións a Aníbal, atacando a Península Ibérica.

Other Languages
Alemannisch: Hispanien
العربية: هسبانيا
asturianu: Hispania
azərbaycanca: Hispaniya
беларуская: Рымская Іспанія
brezhoneg: Hispania
català: Hispània
čeština: Hispánie
Cymraeg: Hispania
dansk: Hispania
Deutsch: Hispanien
English: Hispania
español: Hispania
euskara: Hispania
فارسی: هیسپانیا
suomi: Hispania
français: Hispanie
Frysk: Hispanje
עברית: היספניה
hrvatski: Hispanija
magyar: Hispania
Bahasa Indonesia: Hispania
italiano: Spagna romana
日本語: ヒスパニア
한국어: 히스파니아
kurdî: Hispania
Lingua Franca Nova: Hispania
македонски: Хиспанија
Bahasa Melayu: Hispania
norsk: Hispania
occitan: Ispània
português: Hispânia
srpskohrvatski / српскохрватски: Hispanija
slovenčina: Hispánia
shqip: Hispania
српски / srpski: Хиспанија
svenska: Hispania
Türkçe: Hispania
українська: Римська Іспанія
اردو: ہسپانیا
Tiếng Việt: Hispania