Harry Potter

Harry Potter
Harry Potter wordmark.svg
Logo de Harry Potter.
Título orixinalHarry Potter
Autor/aJ. K. Rowling
CubertaGalicia Dolores Avedaño[1]
Flag of the United Kingdom.svg Thomas Taylor, Cliff Wright, Giles Greenfield e Jason Cockcroft
OrixeReino Unido
LinguaInglés
ColecciónHarry Potter
Tema(s)Maxia
Xénero(s)Fantasía, drama, ficción xuvenil, misterio, suspense, Bildungsroman
EditorialGalicia Galaxia
Flag of the United Kingdom.svg Bloomsbury
Data de pub.Galicia xaneiro de 2003 - 21 de febreiro de 2008
Flag of the United Kingdom.svg 26 de xuño de 1997 - 21 de xullo de 2007
FormatoGalicia Impreso (capa dura)
Flag of the United Kingdom.svg Impreso (capa dura e capa branda), audiolibro, libro electrónico[2]
PáxinasGalicia 3696 (en total)
Flag of the United Kingdom.svg 3407 (en total)
TraduciónMarilar Aleixandre [HP1]
Eva Almazán [HP2], [HP3] e [HP4]
Laura Sáez [HP5] e [HP7]
Carlos Acevedo [HP6]

Harry Potter é o nome dunha serie de sete novelas de fantasía escritas pola británica J. K. Rowling. Os libros narran a vida dun meigo adolescente, Harry Potter, e dos seus amigos Hermione Granger e Ron Weasley, todos eles alumnos da Escola Hogwarts de Maxia e Feiticería. A trama central do argumento xira arredor da loita de Harry contra Lord Voldemort, un meigo escuro que pretende conseguir a inmortalidade, derrocar o goberno máxico coñecido como Ministerio de Maxia, conquistar o mundo máxico e someter os meigos e os muggles, as persoas non-máxicas.

Dende que o 26 de xuño de 1997 se publicou en inglés a primeira novela, Harry Potter e a pedra filosofal, os libros acadaron unha gran popularidade, eloxios por parte da crítica e un éxito comercial en todo o mundo.[3] Por outra banda, a serie tamén recibiu críticas polo crecente ton escuro que foi adoptando segundo avanzaba a historia, así como a violencia macabra e gráfica descrita. Ata xullo de 2013, os sete libros que compoñen a saga venderon, no seu conxunto, máis de 450 millóns de copias entre todas as traducións a 67 linguas diferentes,[4][5] incluíndo traducións do primeiro e segundo volumes ao latín[6][7] e do primeiro ao grego antigo.[8] Os catro últimos libros da saga bateron marcas como os libros que se venderon máis rapidamente en toda a historia, co último vendendo case 11 millóns de copias nos Estados Unidos nas primeiras vinte e catro horas.

As versións en lingua inglesa dos libros publicáronas Bloomsbury no Reino Unido, Scholastic Press nos Estados Unidos, Allen & Unwin en Australia e Raincoast Books en Canadá. En España, existen versións dos libros nas diferentes linguas oficiais do estado: a encargada da publicación da versión en galego foi a Editorial Galaxia, en catalán a Editorial Empúries, en éuscaro Elkar e, en todo o territorio, en lingua castelá a Editorial Salamandra.

Os sete libros da serie foron adaptados nunha versión cinematográfica composta por oito filmes producidos por Warner Bros. Pictures e que a agosto de 2015 se converteu na segunda saga cinematográfica con máis recadación en toda a historia. A franquía xerou tamén unha ampla mercadoría, de xeito que a marca Harry Potter teña un valor superior aos 25 mil millóns de dólares.[9] A editorial Little, Brown publicou tamén o guión dunha obra de teatro titulada Harry Potter and the Cursed Child, baseada nunha historia de Rowling e estreada en Londres o 30 de xullo de 2016 no Palace Theatre.[10]

A serie aborda moitos xéneros, entre os que se atopan a fantasía, o drama, Bildungsroman (o paso da infancia á madurez) e un xénero denominado "historia da escola británica" que inclúe elementos de misterio, suspense, aventura, terror e romance. Deste xeito, a saga inclúe e explora moitos significados e referencias culturais.[11] Segundo Rowling, o tema principal é a morte.[12] Outros temas importantes na serie son o prexuízo, a corrupción e a tolemia.[13]

O éxito dos libros e filmes propiciou que a franquía Harry Potter continúe a se expandir, con numerosas obras derivadas, unha exhibición itinerante, visitas aos estudios de rodaxe, parques de atraccións temáticos, unha plataforma dixital na que Rowling actualiza a serie con nova información e revelacións e unha pentaloxía cinematográfica procedente dunha das obras complementarias, entre outras cousas.

Argumento

Véxase tamén: Universo de Harry Potter.
Escudo de armas de Hogwarts.

As novelas tratan sobre Harry Potter, un neno orfo inglés que aos 11 anos descobre que é meigo, malia vivir no mundo ordinario de xente non-máxica coñecida como muggles.[14] O mundo máxico existe en paralelo ao mundo muggle, agochado e en segredo. As capacidades máxicas son innatas e os cativos con tales habilidades son invitados a acudir a unha escola de maxia para aprender a desenvolver as habilidades máxicas necesarias para ter éxito no mundo máxico.[15] Harry recibe o convite para asistir como estudante á Escola Hogwarts de Maxia e Feiticería, unha academia situada en Escocia e que é a principal localización dos acontecementos da serie. A medida que pasa pola etapa da adolescencia, Harry aprende a superar moitos retos máxicos e obstáculos sociais e emocionais, incluíndo os desafíos ordinarios dun adolescente como a amizade, as relacións amorosas, o traballo da escola e os exames, a ansiedade, a depresión e o estrés.[16]

Cada libro narra un ano na vida de Harry,[17] durante un período de tempo que vai do ano 1991 ao 1998.[18][19] Con todo, a miúdo aparecen analepses para mostrar os recordos doutros personaxes e, finalmente, unha prolepse conforma o epílogo do último libro.

O universo creado por Rowling está intimamente conectado coa realidade. A comunidade máxia británica dos libros está inspirada pola cultura británica da década de 1990, o folclore europeo, a mitoloxía clásica e a alquimia, incorporando obxectos e vida salvaxe como as variñas máxicas, as plantas máxias, as apócemas, os esconxuros, as vasoiras voantes, os centauros e outras criaturas máxicas, as Reliquias da Morte e a pedra filosofal, entre outras inventadas por Rowling. Namentres que o mundo de fantasía de Narnia é un universo paralelo alternativo e a Terra Media d’O Señor dos Aneis é un pasado mítico, o mundo máxico de Harry Potter coexiste en paralelo co mundo real, coa acción das novelas situada principalmente en Escocia, West Country, Devon, Londres e Surrey no sueste de Inglaterra.[20] O mundo máxico comprende unha colección fragmentada de rúas e canellas agochadas, pubs antigos, leiras solitarias e castelos con séculos de historia que son invisibles para a poboación non-máxica.[15]

Primeiros anos

A primeira novela da serie, Harry Potter e a pedra filosofal, comeza de xeito que é evidente que sucedeu algo importante no mundo máxico; este acontecemento é tan salientable que os muggles perciben sinais del. O relato completo deste evento e do pasado de Harry Potter revélase gradualmente ao longo dos libros. Tras este capítulo introdutorio, a historia salta no tempo ata datas próximas ao undécimo aniversario de Harry.

O primeiro contacto de Harry co mundo máxico é a través dun medio-xigante, Rubeus Hagrid, gardián dos terreos e chaves de Hogwarts. Hagrid revela parte da historia de Harry.[21] Harry descobre que cando era un cativo de tan só un ano foi testemuña do asasinato de seus pais por Lord Voldemort, un meigo escuro obsesionado co poder e a pureza de sangue no mundo máxico.[21] Por razóns non citadas ata o quinto libro, o esconxuro lanzado por Voldemort para matar tamén a Harry rebota.[21] Harry sobrevive con tan só unha cicatriz en forma de raio na súa fronte como recordo do ataque, mentres que Voldemort desaparece.[21] Debido a este feito involuntario, considerado unha proeza por parte da comunidade máxica, e que acaba co reinado do terror de Voldemort, Harry convértese nunha lenda viva no mundo máxico. Con todo, segundo ordes do recoñecido meigo Albus Dumbledore, levan a Harry á casa dos seus parentes muggles, a familia Dursley, os cales manteñen ao neno a salvo, mais maltratado, e apartado da súa historia real.[21] Petunia Dursley estaba celosa das habilidades máxicas de súa irmá e, finalmente, acabara por catalogar a todos os meigos como aberracións. Por este motivo, os Dursley odiaban aos meigos e agocharon a Harry a súa procedencia e dixéronlle que seus pais morreran nun accidente co coche coa esperanza de que medrase "normal".[21]

Coa axuda de Hagrid, Harry prepárase para o seu primeiro ano de estudos en Hogwarts. Asemade que Harry comeza a explorar o mundo máxico, o lector coñece moitas das localizacións principais usadas ao longo dos demais libros. Harry coñece tamén á meirande parte dos personaxes principais e fai os seus dous mellores amigos: Ron Weasley, un alegre membro dunha antiga, grande e pobre familia meiga, e Hermione Granger, unha meiga estudosa obsesiva con pais non-máxicos.[21][22] Harry tamén se encontra do profesor de Apócemas, Severus Snape, que semella terlle un odio profundo e irracional, e o profesor de Defensa contra a Maxia Negra, Quirinus Quirrell, que á fin resulta estar aliado con Voldemort. O primeiro libro conclúe coa segunda confrontación de Harry con Lord Voldemort, quen na súa busca da inmortalidade, anhela facerse co poder da pedra filosofal.[21]

A saga continúa con Harry Potter e a Cámara dos Segredos, que describe o segundo ano de Harry en Hogwarts. El e mais os seus amigos investigan un misterio de hai 50 anos que parece gardar relación con recentes eventos sinistros na escola. A irmá pequena de Ron, Ginny Weasley, inicia os seus estudos de primeiro ano en Hogwarts e encontra un caderno que acaba por ser un vello diario pertencente a Voldemort durante os seus anos de estudo na escola. Ginny acaba poseída por Voldemort a través do diario e inconscientemente abre a Cámara dos Segredos, liberando un monstro antigo, un basilisco, que ataca os estudantes de Hogwarts. A novela afonda na historia de Hogwarts e nunha lenda arredor da Cámara dos Segredos que asusta a todos na escola. O libro presenta tamén un novo profesor de Defensa contra a Maxia Negra, Gilderoy Lockhart, un meigo moi alegre e fachendoso que acaba por ser unha fraude. Por vez primeira Harry descobre que existen prexuízos raciais no mundo máxico. Harry sorpréndese tamén ao saber que a súa habilidade de falar a lingua pársel, a lingua das serpes, é moi estraña e a miúdo está relacionada coa Maxia Negra. A novela finaliza despois de que Harry salve a vida de Ginny, destruíndo o basilisco e o diario encantado.

A terceira novela, Harry Potter e o preso de Azkaban, segue a Harry no seu terceiro ano de educación máxica. Trátase do único libro da saga no que Voldemort non intervén directamente como personaxe dalgún xeito. No canto diso, Harry debe lidar co coñecemento de que é o obxectivo de Sirius Black, o mellor amigo de seu pai e fuxido do cárcere máxico de Azkaban, onde estaba preso por axudar nos asasinatos dos pais de Harry. Mentres Harry loita coa súa reacción fronte aos dementores (criaturas escuras co poder de devorar as almas dos humanos para alimentárense da súa desesperación), os cales están aparentemente protexendo a escola, recibe a axuda de Remus Lupin, o novo profesor de Defensa contra a Maxia Negra, que é un lobishome. Lupin ensínalle a Harry medidas defensivas de niveis superiores aos dados á idade de Harry. Harry descobre máis adiante que Lupin e Black eran grandes amigos de seu pai e que Black fora incriminado polo seu cuarto amigo, Peter Pettigrew.[23]

Rexurdimento de Voldemort

"The Elephant House", un dos cafés de Edimburgo onde Rowling escribiu a primeira parte de Harry Potter.

Durante o cuarto ano de Harry na escola, detallado en Harry Potter e o Cáliz de fogo, Harry participa de mala gana no Torneo Tres Meigos, un concurso máxico moi perigoso no que tres estudantes das escolas participantes (unha persoa por cada escola) deben competir entre si en tres probas para gañaren o título.[24] O novo profesor de Defensa contra a Maxia Negra, Alastor "Ollotolo" Moody, guía a Harry durante o torneo. Ao final, Ollotolo resulta ser un impostor: é Barty Crouch, Jr, seguidor de Voldemort, disfrazado. O punto no que se desenguedella o misterio marca o cambio da saga do presentimento e a incerteza ao conflito aberto. O plan de Voldemort para que Crouch utilizase o Torneo Tres Meigos para levar a Harry ata Voldemort é un éxito. Malia que Harry consegue escapar, Peter Pettigrew mata ao estudante Cedric Diggory e Voldemort acada o seu rexurdimento cun corpo físico.

No quinto libro, Harry Potter e a Orde do Fénix, Harry debe enfrontarse ao novo Voldemort reencarnado. En resposta á reaparición de Voldemort, Dumbledore reactiva a Orde do Fénix, unha sociedade secreta que traballa dende a mansión da familia de Sirius Black para derrotar os aliados de Voldemort e protexer os seus obxectivos, especialmente Harry. Malia a descrición de Harry das actividades recentes de Voldemort, o Ministerio de Maxia e moitas outras persoas do mundo máxico rexeitan crer o regreso de Voldemort.[25] Nun intento de atacar e desacreditar a Dumbledore, que canda Harry é a máis prominente voz no mundo máxico que intenta advertir do regreso de Voldemort, o Ministerio designa a Dolores Umbridge como máxima autoridade de Hogwarts e nova profesora de Defensa contra a Maxia Negra. Umbridge transforma a escola nun réxime ditatorial e rexeita que os alumnos aprendan xeitos de defenderse da Maxia Negra.[25]

Asemade, seguindo a suxestión de Ron e Hermione, Harry forma o " Exército de Dumbledore", un grupo de estudos secreto para ensinar aos seus compañeiros as habilidades de alto nivel que el aprendera para combater a Maxia Negra. Ademais, revélase unha profecía que concirne a Harry e Voldemort,[26] e Harry descobre que el e mais Voldemort teñen unha conexión dolorosa que permite a Harry ver telepaticamente algunhas das accións de Voldemort. No clímax da novela, Harry e os seus amigos enfróntanse aos Devoradores da Morte de Voldemort no Ministerio de Maxia. A chegada a tempo dos membros da Orde do Fénix salva as vidas dos mozos, mais resulta na morte de Sirius Black durante o conflito.

No sexto ano, en Harry Potter e o misterio do príncipe, Voldemort comeza a librar unha guerra aberta. Malia isto, Harry e os seus amigos están relativamente protexidos dese perigo en Hogwarts. Entrementres, todos eles desenvolven atraccións amorosas: Harry empeza a saír con Ginny, Ron namórase doutra estudante de Hogwarts chamada Lavender Brown e, pola súa banda, Hermione empeza a ter sentimentos amorosos por Ron. No comezo da novela, Harry tópase cun vello libro de texto de Apócemas cheo de anotacións e recomentacións escritas á man e asinadas por un misterioso individuo: o Príncipe Mestizo. Os consellos escritos no libro axudan a Harry a sobresaír na materia de Apócemas e a gañarse un gran recoñecemento por parte do novo profesor, Horace Slughorn, pero a potencia dos meigallos escritos nel finalmente fan do libro unha fonte de desconfianza. Ademais, Harry acode a clases particulares con Dumbledore, que lle mostra varios recordos ligados cos primeiros anos de vida de Voldemort nun dispositivo chamado pensadoiro. Nestas sesións revélase que Voldemort dividiu a súa alma en varios anacos, nunha serie de Horcrux, elementos encantados por Maxia Negra e agochados en diversas localizacións, un dos cales era o diario destruído no segundo libro.[27] Máis adiante, Draco Malfoy intenta atacar a Dumbledore e o libro culmina co asasinato de Dumbledore por parte do profesor Snape, que é o Príncipe Mestizo.

Harry Potter e as reliquias da morte, o último libro da saga, comeza directamente despois dos acontecementos do sexto libro. Lord Voldemort completou a súa ascensión ao poder e logrou gañar o control do Ministerio de Maxia. Harry, Ron e Hermione deciden non asistir á escola para atopar e destruír os Horcrux restantes de Voldemort. Para asegurar a súa propia seguridade así como a das súas familias e amigos, vense na obriga de se illaren por completo. Durante a busca dos Horcrux, o trío vai coñecendo máis detalles sobre o pasado de Dumbledore e os verdadeiros motivos de Snape para matalo (traballara ás ordes de Dumbledore desde a morte da nai de Harry). Voldemort asasina a Snape por paranoia.

O libro remata coa Batalla de Hogwarts. Harry, Ron e Hermione, en conxunción cos membros da Orde do Fénix e moitos outros profesores e estudantes da escola, defenden Hogwarts de Voldemort, os seus Devoradores da Morte e varias criaturas máxicas. Varios dos personaxes máis importantes morren na primeira onda da batalla, incluíndo a Remus Lupin e Fred Weasley. Tras descubrir que el mesmo é un Horcrux, Harry réndese e entrégase a Voldemort na Fraga Prohibida, onde este último lanza o esconxuro asasino (Avada Kedavra) contra Harry. Os defensores de Hogwarts non se renden despois de coñecer a presunta morte de Harry e continúan a loitar. Harry acorda e enfróntase a Voldemort, cuxos Horcrux foran xa destruídos. Na batalla final, o esconxuro asasino de Voldemort rebota no esconxuro defensivo de desarmamento de Harry (Expelliarmus) e mata a Voldemort.

Finalmente, un describe as vidas dos personaxes que sobreviviron e os efectos da morte de Voldemort no mundo máxico dezanove anos despois.

Other Languages
Afrikaans: Harry Potter
Alemannisch: Harry Potter
العربية: هاري بوتر
অসমীয়া: হেৰী পটাৰ
asturianu: Harry Potter
Boarisch: Harry Potter
žemaitėška: Haris Puoteris
Bikol Central: Harry Potter
български: Хари Потър
brezhoneg: Harry Potter
bosanski: Harry Potter
català: Harry Potter
Chavacano de Zamboanga: Harry Potter
Mìng-dĕ̤ng-ngṳ̄: Harry Potter
Cebuano: Harry Potter
čeština: Harry Potter
Cymraeg: Harri Potter
Deutsch: Harry Potter
Zazaki: Harry Potter
Ελληνικά: Χάρι Πότερ
English: Harry Potter
Esperanto: Harry Potter
español: Harry Potter
euskara: Harry Potter
فارسی: هری پاتر
føroyskt: Harry Potter
français: Harry Potter
Gaeilge: Harry Potter
गोंयची कोंकणी / Gõychi Konknni: Harry Potter
ગુજરાતી: હેરી પોટર
עברית: הארי פוטר
हिन्दी: हैरी पॉटर
hrvatski: Harry Potter
magyar: Harry Potter
interlingua: Harry Potter
Bahasa Indonesia: Harry Potter
íslenska: Harry Potter
italiano: Harry Potter
Basa Jawa: Harry Potter
ქართული: ჰარი პოტერი
қазақша: Гарри Поттер
한국어: 해리 포터
Кыргызча: Гарри Поттер
Lëtzebuergesch: Harry Potter
Limburgs: Harry Potter
lumbaart: Harry Potter
lietuvių: Haris Poteris
latviešu: Harijs Poters
македонски: Хари Потер
मराठी: हॅरी पॉटर
Bahasa Melayu: Harry Potter
မြန်မာဘာသာ: ဟယ်ရီပေါ်တာ
Plattdüütsch: Harry Potter
norsk nynorsk: Harry Potter
occitan: Harry Potter
ଓଡ଼ିଆ: ହାରୀ ପୋଟର
Piemontèis: Harry Potter
پنجابی: ہیری پوٹر
português: Harry Potter
Runa Simi: Harry Potter
română: Harry Potter
armãneashti: Harry Potter
саха тыла: Гарри Поттер
sicilianu: Harry Potter
davvisámegiella: Harry Potter
srpskohrvatski / српскохрватски: Harry Potter
Simple English: Harry Potter
slovenščina: Harry Potter
српски / srpski: Хари Потер
svenska: Harry Potter
ślůnski: Harry Potter
Tagalog: Harry Potter
Türkçe: Harry Potter
oʻzbekcha/ўзбекча: Garri Potter
vèneto: Harry Potter
Tiếng Việt: Harry Potter
Volapük: Harry Potter
Winaray: Harry Potter
ייִדיש: הארי פאטער
文言: 哈利波特
Bân-lâm-gú: Harry Potter
粵語: 哈利波特