Hacrobios

O cocolitóforo Gephyrocapsa oceanica é un membro de Hacrobia.

Os hacrobios ou Hacrobia é un grupo de organismos que agrupa ás haptófitas e ás criptomónadas (ou criptófitas), que se considera monofilético.[1][2] Os Hacrobia formaban parte de Chromalveolata. Os Hacrobia non están incluídos no supergrupo SAR. Para denominar ao grupo formado polas haptófitas e as criptomónadas propuxéronse varios nomes, o máis usado é Hacrobia (derivado de "ha-" que se refire ás haptófitas, "-cr-" que se refire ás criptomónadas, e "-bia" que significa vida);[1] outra denominación é CCTH (das iniciais de Cryptophyta, Centrohelida, Telonemia e Haptophyta);[3] e outro é "Eukaryomonadae".[4]

Aínda que o grupo se presentou como monofilético, actualmente (ano 2012), non está claro se o grupo é realmente monofilético ou non, e os resultados dos estudos filoxenéticos "dependen a miúdo da selección dos taxons e do conxunto de datos de xenes" estudados.[3] Dous estudos do ano 2012 deron lugar a resultados opostos.[3][5]

Compoñentes do grupo

No pasado, as heterocontas, haptófitas, e criptomónadas (ou Cryptophyta) foron nalgunhas clasificacións agrupadas xuntas no grupo das cromistas.[6] Aínda que despois as heterocontas foron separadas, as Cryptophyta e Haptophyta considéranse nalgúns estudos como moi emparentadas [7][8] (e ás veces faise referencia a elas simplemente como o grupo "Cryptophyta+Haptophyta").[9] En 2009 unha publicación suxeriu que Telonemia e os centrohélidos poderían formar un clado coas criptófitas e as haptófitas.[10] As picobilifitas poden pertencer a este grupo, pero como son aínda pouco coñecidas non se pode ter a seguridade.[1]

Como dixemos, en 2012 non está claro que Hacrobia sexa realmente un grupo monofilético [3]. Varios estudos recentes tiraron a conclusión que Haptophyta e Cryptophyta non forman un grupo monofilético.[11] Haptophyta é un grupo irmán do supergrupo SAR, e Cryptophyta agrúpase con Archaeplastida (plantas en senso amplo).[5]

Other Languages
العربية: هكروبيات
català: Hacrobi
English: Hacrobia
español: Hacrobia
فارسی: هکروبیا
français: Hacrobia
日本語: ハクロビア
한국어: 하크로비아
português: Hacrobia