Guillerme II dos Países Baixos

Non confundir con Guillerme II de Orange-Nassau.
Guillerme II dos Países Baixos
Willem II der Nederlanden
Príncipe de Orange, Gran Duque de Luxemburgo e segundo Rei dos Países Baixos
SA 1771-Willem II (1792-1849), Koning der Nederlanden.jpg
Retrato de Guillerme II no Senado dos Países Baixos, feito por Jan Adam Kruseman

Reinado1840-1849
Nome completoWillem Frederik George Lodewijk van Oranje-Nassau
Nacemento6 de decembro de 1792
A Haia, Statenvlag.svg Provincias Unidas
Falecemento17 de marzo de 1849 (56 anos)
Berlín, Alemaña Alemaña
SepulturaIgrexa nova de Delft
Países Baixos Países Baixos
PredecesorGuillerme I dos Países Baixos
SucesorGuillerme III dos Países Baixos
ConsorteAna Pavlovna de Rusia
DescendenciaPríncipes dos Países Baixos: Guillerme, Alexandre, Henrique, Ernesto Casimiro e Sofía
Casa realCasa de Orange-Nassau
ProxenitoresGuillerme I dos Países Baixos
Guillermina de Prusia

Escudo de Guillerme II dos Países Baixos
"Je Maintiendrai"
Royal Monogram of William II of the Netherlands and Luxembourg.svg

Guillerme II dos Países Baixos (orixinariamente en neerlandés: Willem Frederik George Lodewijk van Oranje-Nassau), nado na cidade surholandesa da Haia o 6 de decembro de 1792 e finado en Tilburg, na provincia do Brabante do Norte, o 17 de marzo de 1849, foi príncipe de Orange, gran duque de Luxemburgo e o segundo rei dos Países Baixos.[1][2]

Traxectoria

Infancia, mocidade e educación

Cando Guillerme tiña tres anos, el e a familia Orange-Nassau fuxiron a Inglaterra, despois de que os exércitos aliados de Mercenarios británico- hannoverianos abandonasen, derrotados, os Países Baixos, deixando paso así ás tropas revolucionarias de Francia, que se uniron aos patriotas neerlandeses contrarios aos Orange. Guillerme pasou a súa mocidade no exilio, en Berlín e na corte prusiana. Alí comezou unha educación militar e serviu no exército prusiano. Posteriormente estudou na Universidade de Oxford.

Servizo militar

Guillerme II de a cabalo, por Nicaise de Keyser, 1846

A continuación da súa educación militar produciuse no exército británico. En 1811, como axuda de campo de Arthur Wellesley, duque de Wellington, participou en varias campañas na Península Ibérica contra os exércitos de Napoleón Bonaparte. Durante a Batalla de Vitoria, o 21 de xuño de 1813, Guillerme mandaba unha unidade de cabalaría, a primeira de Húsares alemáns. Cos franceses xa en aberta retirada, Guillerme recibiu a orde de Wellingon de entrar na cidade, expulsar os franceses e pechar os accesos para impedir saqueos, mesmo das tropas aliadas. Regresou aos Países Baixos ese mesmo ano, cando o seu pai tomou posesión novamente como príncipe soberano.

En 1815 Guillerme converteuse en príncipe coroado e uniuse ao exército do seu país cando Napoleón Bonaparte escapou do seu confinamento na illa de Elba. Loitou como comandante das tropas belgas e holandesas na Batalla de Quatre Bras (16 de xuño) e na Batalla de Waterloo (18 de xuño), onde resultou ferido. Amosou gran valor e enerxía persoal, pero con frecuencia demostrou un xuízo militar desastroso e as súas estratexias ocasionaron moitas baixas innecesarias. O Duque de Wellington atribuíu a súa estratexia á falta de experiencia no mando, aínda que non o consideraba un mal líder.

Guillerme rodeado pola multitude, durante a Revolución Belga de 1830

O seu papel en Bélxica

O príncipe Guillerme gozaba de gran popularidade tanto en Bélxica como nos Países Baixos, por mor da súa afabilidade e a súa moderación, e en 1830, co estoupido da Revolución de Bélxica, realizou un gran esforzo diplomático por alcanzar un acordo entre as faccións enfrontadas, ofrecendo autonomía administrativa ás provincias do sur dos Países Baixos e mantendo a soberanía da Casa de Orange-Nassau. Con todo, os seus esforzos foron entorpecidos pola actitude do seu pai, o rei Guillerme I dos Países Baixos, que rexeitou os termos do acordo, o que tamén xerou tensións entre pai e fillo.

En abril de 1831 dirixiu unha campaña militar de dez días en Bélxica, que foi rexeitada cara ao norte pola intervención de Francia. A diplomacia europea terminou recoñecendo a secesión de Bélxica do Reino dos Países Baixos, que estableceu a Leopoldo I no trono do novo país. Finalmente, Bélxica e os Países Baixos alcanzaron a paz en 1839.[3]

Rei dos Países Baixos

O 7 de outubro de 1840, tras a abdicación do seu pai, o príncipe accedeu ao trono como Guillerme II. En contraste co carácter conservador e remiso ás reformas do seu pai, o novo monarca interveu menos na política nacional. A axitación popular crecía demandando maiores reformas constitucionais e unha ampliación electoral. Aínda que persoalmente a súa ideoloxía tendía cara ao conservadurismo, ante as demandas populares actuou con moderación, realizando algunhas concesións.

En 1848 estouparon varios movementos revolucionarios por toda Europa. En París, a dinastía de Borbón-Orleáns foi derrocada. Guillerme II temeu que estalase a revolución en Ámsterdam, Unha mañá espertou e dixo: “Cambiei de conservador a liberal nunha noite”. Deu ordes para crear unha nova constitución que incluíse o Eerste Kamer (Senado), que sería elixido indirectamente polos Estados Provinciais, e o Tweede Kamer (Parlamento), que sería elixido directamente mediante sufraxio. O sistema e os distritos electorais foron reformados e mantivéronse ata 1917, momento en que se instaurou o sufraxio universal e os distritos electorais foron substituídos por listas políticas. A constitución segue en vigor na actualidade.[4]

Guillerme II xurou o primeiro Goberno parlamentario neerlandés uns poucos meses antes da súa morte en Tilburg, no Brabante Setentrional, o 17 de marzo de 1849. Os seus restos mortais descansan na cripta real da Igrexa Nova da cidade surholandesa de Delft.[5]

Other Languages
العربية: فيلم الثاني
беларуская: Вілем II
eesti: Willem II
Bahasa Indonesia: Willem II dari Belanda
Lëtzebuergesch: Wëllem II. vun Holland
latviešu: Villems II
русский: Виллем II
slovenščina: Viljem II. Nizozemski
Türkçe: II. Willem
українська: Віллем II
Tiếng Việt: Willem II của Hà Lan