Guerra de Flandres

Guerra de Flandres
Guerra dos oitenta anos
Seven United Netherlands Janssonius 1658.jpg
Mapa das Provincias Unidas en 1658, anos despois de acadaren a independencia de Castela.
Data 15681648
Lugar Países Baixos (e por extensión no mar, América e Asia)
Resultado Paz de Westfalia
Independencia das provincias setentrionais dos Países Baixos
España retén os Países Baixos Meridionales
Belixerantes
Países Baixos Países Baixos Provincias Unidas
Reino Unido Reino Unido Inglaterra
Royal Standard of the King of France.svg Francia
Flag of Cross of Burgundy.svg Monarquía Hispánica
Baixas
230.000-2.000.000 mortos en total entre civiles e militares .
Mapa das Sete Provincias.
En azul pálido, as Terras da Xeneralidade (territorios católicos baixo o control dos Estados Xerais).
En amarelo pálido, os Países Baixos españois (despois, austríacos).
En beixe claro, o Sacro Imperio Romano Xermánico.

A guerra dos oitenta anos ou guerra de Flandres foi unha guerra de secesión, entre os actuais estados dos Países Baixos e España, iniciada en 1568 e que finalizou en 1648, co recoñecemento da independencia das sete Provincias Unidas, hoxe coñecidas como Países Baixos (ou "Holanda").

Os países que hoxe se coñecen como Bélxica e Luxemburgo formaron parte das dezasete provincias que permaneceron leais aos Habsburgo hispanos. As Provincias Unidas emerxeron da guerra como unha potencia mundial grazas á súa poderosa armada e frota mercante, e experimentaron un importante auxe económico e cultural.

Para a coroa castelá a independencia das Provincias Unidas representou unha gran perda de prestixio e o mantemento económico da guerra contribuíu en gran parte a provocar as sucesivas bancarrotas da coroa castelá ao longo dos séculos XVI e XVII, e o afundimento da súa economía.

Antecedentes da guerra

Os intereses españois

Carlos V naceu en Gante en 1500 e creceu no condado de Flandres do cal era o titular polo que era visto polos seus súbditos neerlandeses como un rei da súa terra. Carlos V abdicou en 1556 no seu fillo Filipe II, criado en Castela e cuxos intereses sempre estiveron máis na liña dos intereses da coroa de Castela, era visto como un rei estraño e estranxeiro. Esta impresión púxose de manifesto o día da abdicación de Carlos V en Bruxelas, onde en contraposición ao emperador, flamengo, cosmopolita e políglota, o novo rei era incapaz de dirixirse aos seus súbditos flamengos na súa lingua.

A situación de Flandres, a un paso de Inglaterra, Francia e Alemaña, tiña unha grande importancia estratéxica para a coroa española. Ameazaba a Inglaterra cunha invasión, pechaba o cerco de Francia xunto con Castela e Italia, e era a porta de entrada a Alemaña desde o norte, sacudida polas guerras de relixión.

A relixión

Xa durante o reinado de Carlos V, o calvinismo fixera acto de presenza nos Países Baixos e fora reprimido polo emperador, intentado ata implantar un tribunal da Inquisición. Esta política foi continuada polo seu fillo Filipe II que, en 1565, implantou os decretos tridentinos, causando un gran malestar xa que impedían a liberdade de culto á que aspiraban os nobres e os calvinistas.

Doutra banda, a reorganización dos tres grandes bispados existentes nos Países Baixos en dezasete máis pequenos, topou coa oposición da alta nobreza, xa que os segundóns das familias nobres aspiraban usualmente ao cargo de bispo, e non tiña o mesmo prestixio (nin ingresos) unha grande diocese, que unha das dezasete pequenas dioceses previstas. Finalmente a énfase posta polo calvinismo na honestidade, a modestia, a frugalidade e o traballo duro encaixaban moi ben coa mentalidade dos industriosos holandeses, o máis emprendedor dos reinos de Filipe II, e chocaban fortemente co luxo da nobreza católica. As comparacións eran demoledoras para o prestixio do catolicismo.

A incapacidade de Filipe II para aceptar gobernar sobre herexes calvinistas e a crenza de que a súa misión nos seus reinos era ser o gardián do catolicismo en Europa, facían imposíbel unha solución de compromiso.

A economía

A economía xogou un papel importante no estalido da rebelión nos Países Baixos. A guerra entre Suecia e Dinamarca pechou o comercio e as importacións de trigo procedentes do mar Báltico, provocando unha queda do comercio e dos salarios, unha carestía de alimentos e a suba do prezo destes, o que facilitaba a tarefa dos calvinistas de criticaren a riqueza e o luxo da Igrexa cando a poboación comezaba a sentir a fame. Esta situación acadou o seu cénit en agosto de 1566 cunha brusca suba do prezo dos alimentos.

Cómpre facer notar a coincidencia no tempo entre a suba dos prezos e o estalido das desordes iconoclastas dese mesmo mes que provocaron o envío do III duque de Alba. A perda dos subsidios enviados pola coroa en 1568 para pagar o exército, a mans de corsarios ingleses, obrigaron o duque a impoñer impostos para pagar o exército (alcabala). Isto foi demasiado para os holandeses, obrigados a manteren un exército estranxeiro empregado para reprimilos, en época de recesión económica, e en contra dos usos e costumes da súa terra.

Other Languages
Esperanto: Okdekjara Milito
Bahasa Indonesia: Perang Delapan Puluh Tahun
日本語: 八十年戦争
नेपाल भाषा: चेदंयागु युद्ध
norsk nynorsk: Åttiårskrigen
srpskohrvatski / српскохрватски: Nizozemska revolucija
Simple English: Eighty Years' War
ئۇيغۇرچە / Uyghurche: سەكسەن يىللىق ئۇرۇش