Folga laboral

Policía reprimindo una manifestación en favor da folga en Minneapolis, Estados Unidos, en 1934.

Nas relacións entre traballadores e empresarios poden xurdir conflitos de dous tipos; por un lado encóntranse os conflitos individuais, e, por outro lado os conflitos colectivos, competencia deste traballo.

Nos conflitos colectivos, un grupo de traballadores enfróntase a un empresario ou grupo de empresarios, polo interese que incumbe a todos nas súas relacións laborais. Os suxeitos lexitimados para iniciar o conflito colectivos son os representantes dos traballadores.

Existen dúas formas de exteriorizar os conflitos colectivos: a folga e o peche patronal.

A folga laboral consiste no cesamento temporal da prestación de servizos, acordada por unha colectividade de traballadores dunha ou varias empresas, con motivo de conflito laboral e con abandono do centro de traballo, co fin de impoñer a aceptación das súas demandas polas empresas ou de resistir as esixencias dos empresarios, unha vez fracasados as negociacións colectivas ou outros esforzos de persuasión.

A folga non se debe confundir co peche patronal, peche da fábrica polo empresario co obxecto de impoñer aos traballadores novas condicións laborais ou defender os seus intereses.

Aínda que a folga se exerce de forma colectiva, o exercicio do dereito á folga recoñécese de forma individual. Así, o recoñecemento á folga implica que ningún traballador pode renunciar a este dereito por acordo contractual. Por outro lado, o exercicio colectivo deste dereito supón que un traballador non pode declararse en folga de forma individual. Entre os efectos da folga, cabe destacar os seguintes puntos:

O contrato de traballo queda en suspenso (os traballadores non cobran o seu salario).

Durante a folga suspéndese a obriga de cotizar á Seguridade Social (traballador e empresario).

O empresario non pode substituír os traballadores folguistas.

Os días de folga non deben ser descontados das vacacións.

Evolución e regulación

Coa organización industrial do traballo, na que grupos de obreiros sometidos a condicións similares e situados fisicamente nun taller ou mina organizaron por primeira vez a súa actuación como grupo homoxéneo, a folga cobrou importancia. O dereito á folga estivo severamente penado nos primeiros anos da Revolución Industrial. Co paso dos anos, aumentará a tolerancia, é dicir, os Estados admiten a folga pero castígana dende o punto de vista civil como incumprimento das obrigas laborais.

Esta situación continúa ata a difusión da socialdemocracia a principios do século XX, recoñecéndose o dereito á folga a nivel internacional como un dereito dos traballadores constitutivo da liberdade sindical. Na actualidade recoñécese na maioría dos ordenamentos internos e en tratados internacionais de alcance universal como o Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais.

Segundo a sentenza do Tribunal Constitucional de España n.º 11/1981, trátase de "unha perturbación que se produce no normal desenvolvemento da vida social e, en particular, no proceso de produción de bens e servizos, que se leva a cabo de forma pacífica e non violenta, mediante un concerto dos traballadores e dos demais intervenientes no devandito proceso, que pode ter como obxecto reivindicar melloras nas condicións económicas ou, en xeral, nas condicións de traballo, e pode supoñer tamén unha protesta con repercusión noutras esferas ou ámbitos".[1]

En España, recoñécese o dereito á folga como un dereito fundamental, reflectido no artigo 28.2 da Constitución de 1978[2] e regulado polo Real Decreto-Lei 17/1977, que a cualifica como medida de conflito colectivo de traballo adoptada por acordo dos traballadores, coa finalidade de defender e promover os seus intereses. Deste modo, responde á idea do Estado Social e Democrático de Dereito (artigo 1.1 da Constitución) e ao principio de igualdade substancial (artigo 9.2 da Carta Magna). Así pois, é un dereito de titularidade individual e exercicio colectivo. Os estranxeiros gozan tamén deste dereito aínda que non dispoñan da preceptiva autorización de traballo.[3]

Other Languages
español: Huelga laboral