Historia
Inicialmente, máis que dun país, habería que falar de varias cidades-estado principais, con gobernos independentes: Arados, Berytos (Beirut), Biblos, Sidón e Tiro, todas estas cidades estaban localizadas no actual Líbano e corresponden aos períodos históricos de Fenicia.
Situados os fenicios no que é hoxe o Líbano, floreceron ata a conquista de Alexandre Magno que tivo lugar o 332 a.C.. Vivían en cidades independentes e costeiras próximas ao mar, desunidas unhas doutras aínda que baixo a preponderancia ou hexemonía de Sidón ata o
século XIII a.C. e da de Tiro desde esta data en diante, sendo como a súa cidade santa ou centro moral e relixioso a famosa Biblos ou Gebal, de onde procedían os canteiros que traballaron para o templo de Salomón (lib. III dos Reis c.V, v.18).
Cada cidade tiña o seu rei e o seu consello de anciáns (integrado por uns 100 membros). As súas actividades económicas eran principalmente o comercio marítimo de vidro, metais, madeira de cedro (que sacaban de Biblos) e tecidos (que tinguían coa púrpura obtida dun caracol do Mediterráneo, o
múrice). Desta forma, constituíronse nas máis poderosas talasocracias do Mediterráneo, a imaxe da extinta civilización minoica. As súas rutas comerciais chegaban ata as Casitérides no Atlántico.
Os fenicios enviaron barcos mercantes por todo o Mediterráneo para fundar colonias nas súas beiras, desde Asia Menor ata a Península Ibérica, como Trípoli, Gadir (Cádiz), Sexi (Almuñécar), Rusadir (Melilla) e Malaka (Málaga). Con todo a súa colonia de maior importancia foi Cartago, ao norte de África, que se independizou trala ocupación de Fenicia por parte dos asirios.
Despois de períodos consecutivos de dominación asiria, persa e macedónica, a rexión de orixe dos fenicios perdeu o seu poder, ao paso que unha das colonias fenicias do Mediterráneo, Cartago, ascendeu como un dos portos máis importantes do Mediterráneo. Nun intervalo de 120 anos, entre os séculos III e II a.C., os fenicios de Cartago disputaron o control do Mediterráneo o Imperio Romano nas chamadas guerras púnicas.
Despois da súa derrota, no ano 146 a.C., pouco restou da cultura fenicia.