Feminismo

Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Símbolo dos movementos feministas, baseado no símbolo de Venus.

O feminismo[1] é un conxunto de movementos políticos, sociais, ideolóxicos e filosóficos que teñen como obxectivo común conseguir dereitos ecuánimes (iguais) e unha convivencia humana por medio do apoderamento feminino e da liberación de padróns patriarcais, baseados en normas de xénero. Abrangue diversos movementos, teorías e filosofías que avogan pola igualdade entre homes e mulleres, alén de promover os dereitos das mulleres e os seus intereses.[2][3][4][5][6] De acordo con Maggie Humm e Rebecca Walker, a historia do feminismo pode dividirse en tres "ondas".[5][7] A primeira produciuse no século XIX e comezos do século XX, a segunda nas décadas de 1960 e 1970, e a terceira na década de 1990 até o presente.[8] A teoría feminista xurdiu destes movementos femininos[9][10] e maniféstase en diversas disciplinas como a xeografía feminista, a historia feminista e a crítica literaria feminista.

O feminismo alterou principalmente as perspectivas predominantes en diversas áreas da sociedade occidental, que van da cultura ó dereito. As activistas femininas fixeron campañas polos dereitos legais das mulleres (dereitos de contrato, dereitos de propiedade, dereitos ó voto), polo dereito da muller á súa autonomía e á integridade do seu corpo, polos dereitos ó aborto e polos dereitos reprodutivos (incluíndo o acceso á contracepción e a coidados prenatais de calidade), pola protección de mulleres e nenas contra a violencia doméstica, o acoso sexual e a violación,[2][11][12] polos dereitos laborais, incluíndo o permiso por maternidade e salarios iguais, e todas as outras formas de discriminación.[13][14][15]

Durante gran parte da súa historia, a maioría dos movementos e teorías feministas tiveron líderes que eran principalmente mulleres brancas de clase media, de Europa Occidental e de América do Norte.[16][17][18] Porén, dende o discurso de Sojourner Truth ás feministas dos Estados Unidos de América, feito en 1851, mulleres doutras etnias e orixes sociais propuxeron formas alternativas de feminismo.[17] Esta tendencia foi acelerada na década de 1960, co movemento polos dereitos civís que xurdiu nos Estados Unidos e o colapso do colonialismo europeo en África, no Caribe e en partes de América Latina e do sueste asiático. Dende entón, as mulleres nas antigas colonias europeas e nos países en vías de desenvolvemento propuxeron feminismos "poscoloniais",[18] nos cales algunhas postulantes, como Chandra Talpade Mohanty, critican o feminismo tradicional occidental como etnocéntrico.[19] Feministas negras, como Angela Davis e Alice Walker, comparten este punto de vista.[16]

Dende a década de 1980, as feministas argumentaron que o movemento debería examinar como a experiencia da muller coa desigualdade se relaciona ó racismo, á homofobia, ó clasismo e á colonización.[17][20] A finais desa década e comezos da seguinte as feministas posmodernas argumentaron que os papeis sociais dos xéneros foron construídos socialmente,[21][22][23] e que sería imposíbel xeneralizar as experiencias das mulleres por todas as súas culturas e historias.[24]

Historia

Artigos principais: Historia do feminismo e Protofeminismo.
Manifestación do sufraxio feminista en Nova York, 6 de maio de 1912.
Despois de vender a súa casa, Emmeline Pankhurst, na foto en Nova York en 1913, viaxou constantemente dando conferencias en todo o Reino Unido e os Estados Unidos.
Louise Weiss, xunto con outras suffragettes parisinas en 1935; o xornal di "A francesa debe votar."

Charles Fourier, un socialista utópico e filósofo francés, está considerado como o inventor da palabra "feminismo" en 1837.[25] A expresión "feminismo" e "feminista" apareceu por primeira vez en Francia e nos Países Baixos en 1872,[26] no Reino Unido na década de 1890 e nos Estados Unidos en 1910.[27][28] O Oxford English Dictionary lista 1894 como o ano da primeira aparición do termo "feminista" e 1895 para a palabra "feminismo".[29] Dependendo do momento histórico, da cultura e do país, as feministas tiveron diferentes causas e obxectivos. A maioría dos historiadores feministas occidentais afirman que todos os movementos que traballan para obter os dereitos das mulleres deben ser considerados feministas, mesmo cando eles non apliquen o termo a si mesmos.[30][31][32][33][34][35] Outros historiadores afirman que o termo debe ser limitado ó movemento feminista moderno e ós seus descendentes. Eses historiadores usan o termo de "protofeminista" para describir os movementos anteriores.[36]

Feministas e académicos dividiron a historia do movemento en tres "ondas". A primeira onda refírese principalmente ó sufraxio feminino, movemento que gañou forza no século XIX e comezos do XX. A segunda onda refírese ás ideas e accións asociadas cos movementos de liberación feminina iniciados na década de 1960, que loitaban pola igualdade legal e social para as mulleres. A terceira onda sería unha continuación - e, segundo algúns autores, unha reacción ás súas eivas - da segunda onda, iniciada na década de 1990.[8]

Século XIX e comezos do século XX

A primeira onda do feminismo refírese a un período extenso de actividade feminista ocorrido durante o século XIX e comezos do século XX no Reino Unido e nos Estados Unidos, que tiña o foco orixinalmente na promoción da igualdade nos dereitos contractuais e de propiedade para homes e mulleres, e na oposición de casamentos arranxados. Porén, a finais do século XIX, o activismo pasou a centrarse principalmente na conquista de poder político, especialmente o dereito ó sufraxio por parte das mulleres. Aínda así, feministas como Voltairine de Cleyre e Margaret Sanger xa facían campañas polos dereitos sexuais, reprodutivos e económicos das mulleres nesta época.[37]

No Reino Unido, as suffragettes e, se cadra de maneira aínda máis eficiente, as sufraxistas, fixeron campaña polo sufraxio feminino. En 1918, aprobouse o Representation of the People Act, concedendo o dereito ó voto ás mulleres maiores de 30 anos de idade que posuísen unha ou máis casas. En 1928, este dereito estendeuse a todas as mulleres maiores de vinte e un anos de idade. Nos Estados Unidos, entre as líderes deste movemento estaban Lucretia Mott, Lucy Stone, Elizabeth Cady Stanton e Susan B. Anthony, que xa loitaran pola abolición da escravitude antes de defender o dereito das mulleres ó voto; todas estaban influenciadas profundamente polo pensamento cuáquero. A primeira onda do feminismo, nos Estados Unidos, atraeu unha ampla variedade de mulleres; algunhas, como Frances Willard, pertencían a grupos cristiáns, como a Woman's Christian Temperance Union; outras, como Matilda Joslyn Gage, eran máis radicais e expresábanse dentro da National Woman Suffrage Association, ou de maneira independente. Considérase que a primeira onda do feminismo nos Estados Unidos rematou coa aprobación da Décima Novena Emenda á Constitución dos Estados Unidos, en 1919, que concedeu ás mulleres o dereito ó voto en tódolos estados.[38]

O termo primeira onda foi cuñado en retrospectiva, despois de que o termo segunda onda do feminismo comezase a ser usado para describir un movemento feminista máis novo, que se centraba tanto no combate ás desigualdades sociais e culturais como ás políticas.[37]

A primeira onda de feministas, ó contrario da segunda, preocupouse moi pouco sobre a cuestión do aborto; en xeral, eran contrarias ó concepto. Malia non ter casado nunca, Susan B. Anthony publicou os seus puntos de vista sobre o casamento, sustentando que unha muller debería ter o dereito a negarse a ter sexo co seu marido; a muller americana non tiña, até entón, ningún recurso legal contra a violación polo seu propio marido. Segundo a súa opinión era primordial concederlle á muller o dereito ó seu propio corpo, que ela vía como un elemento esencial na prevención de embarazos non desexados, a través da abstinencia como método contraceptivo. Escribiu sobre o tema no seu xornal, The Revolution, en 1869, argumentando que, no canto de só tentar aprobar unha lei contra o aborto, a súa causa principal tamén debería ser abordada. A simple aprobación dunha lei antiaborto sería "apenas cortar a parte superior da mala herba, mentres a súa raíz permanece."[39]

Mediados do século XX

Propaganda do goberno estadounidense amosando unha muller traballando nunha fábrica en Fort Worth (Texas) en 1942, durante a segunda guerra mundial.

A mediados do século XX, nalgúns países europeos as mulleres aínda non tiñan algúns dereitos importantes. As feministas neses países continuaron a loitar polo dereito de voto. En Suíza, as mulleres gañaron o dereito a votar en eleccións federais en 1971[40] e no cantón de Appenzell Interior as mulleres obtiveron o dereito de votar en cuestións legais aínda en 1991, cando o cantón foi forzado a facelo polo Supremo Tribunal Federal de Suíza. En Liechtenstein, as mulleres conquistaron o dereito a votar en 1984, despois dun referendo.[41]

As feministas continuaron a campaña para a reforma das leis de familia que lles daban ós maridos control sobre as súas esposas. As leis en relación a iso foron abolidas no século XX no Reino Unido e nos Estados Unidos, mais en moitos países de Europa continental as mulleres casadas aínda tiñan poucos dereitos. Por exemplo, en Francia as mulleres casadas gañaron o dereito a traballar sen o permiso do seu marido apenas en 1965.[42][43] As feministas tamén traballaron para abolir a "exención marital" nas leis de violación, que impedían xulgar os maridos que violaban as súas propias esposas.[44] As tentativas anteriores das feministas da primeira onda, como Voltairine de Cleyre, Victoria Woodhull e Elizabeth Clarke Wolstenholme Elmy, para criminalizar a violación conxugal a finais do século XIX non tiveron éxito,[45] e conseguiuse un século máis tarde na maioría dos países occidentais, mais aínda non foi conquistado en moitas outras partes do mundo.[46]

Camiñada polos dereitos da muller en 1970 en Washington, D.C.
Camiñada polo Día Internacional da Muller en Dacca, Bangladesh, organizado polo Sindicato Comercial Nacional das Traballadoras.

A filósofa francesa Simone de Beauvoir forneceu unha solución marxista e unha visión existencialista sobre moitas das cuestións do feminismo coa publicación de O segundo sexo (Le Deuxième Sexe) en 1949.[47] O libro expresa o sentimento de inxustiza das feministas. A segunda onda do feminismo é un movemento feminista que comezou a principios de 1960[48] e continúa até o presente; como tal, coexiste coa terceira onda do feminismo. A segunda onda feminista preocupouse bastante sobre as cuestións de igualdade que van alén do sufraxio, como acabar coa discriminación.[37]

As feministas da segunda onda ven as desigualdades culturais e políticas das mulleres como intrinsecamente ligadas e incentivan as mulleres a entender os aspectos das súas vidas persoais como profundamente politizados e como o reflexo de estruturas de poder sexistas. A activista e autora feminista Carol Hanisch cuñou o slogan "o persoal é político", que se converteu en sinónimo da segunda onda.[11][49]

O feminismo de segunda e de terceira onda na China caracterizouse pola avaliación do papel das mulleres durante a revolución comunista e outros movementos de reforma e novas discusións sobre se a igualdade das mulleres foi, en realidade, plenamente alcanzada.[50]

En 1956, o presidente de Exipto, Gamal Abdel Nasser, iniciou o "feminismo de Estado", que prohibiu a discriminación con base no sexo e concedeu o sufraxio feminino, mais tamén bloqueou o activismo político de líderes feministas.[51] Durante a presidencia de Anwar el-Sadat, a súa esposa, Jehan Sadat, defendeu publicamente dereitos adicionais para as mulleres, malia que a política e a sociedade exipcias comezasen a afastarse da igualdade das mulleres co novo movemento islámico e o crecente conservadorismo.[52] Porén, algúns activistas propuxeron un novo movemento feminista, o feminismo islámico, que defende a igualdade das mulleres dentro dunha estrutura islámica.[53]

En América Latina, as revolucións trouxeron cambios no estatuto das mulleres en países como Nicaragua, onde a ideoloxía feminista durante a Revolución Sandinista axudou ás mulleres a ter mellor calidade de vida, mais ficou lonxe de alcanzar unha mudanza social e ideolóxica real na sociedade.[54]

Final do século XX e inicio do século XXI

Terceira onda do feminismo

Artigo principal: Terceira onda do feminismo.
A primeira SlutWalk en Porto Alegre, no Brasil, 2013.

A terceira onda do feminismo empezou a comezos da década de 1990, como unha resposta ás supostas eivas da segunda onda e tamén como un reto a iniciativas e movementos creados pola segunda onda. O feminismo da terceira onda quere desafiar ou evitar aquilo que ve como as definicións esencialistas da feminidade feitas pola segunda onda que colocaría énfase de máis nas experiencias das mulleres brancas de clase media alta.[37]

Unha interpretación postestruturalista do xénero e da sexualidade é central á maior parte da ideoloxía da terceira onda. As feministas da terceira onda frecuentemente resaltan a "micropolítica" e desafían os paradigmas da segunda onda sobre o que é e o que non é bo para as mulleres.[37][55][56][57] A terceira onda tivo a súa orixe a mediados da década de 1980; líderes feministas con raíces na segunda onda, como Gloria Anzaldúa, bell hooks, Cherríe Moraga, Audre Lorde, Maxine Hong Kingston e outras feministas non brancas, procuraron negociar un espazo dentro da esfera feminista para a consideración de subxectividades relacionadas á raza.[16][56][58]

A terceira onda do feminismo tamén presenta debates internos. O chamado feminismo da diferenza, cuxa principal expoñente é a psicóloga Carol Gilligan, defende que hai importantes diferenzas entre os sexos, mentres que outras vertentes cren que non hai diferenzas inherentes entre homes e mulleres, defendendo que os papeis atribuídos a cada xénero instauran socialmente a diferenza.[59]

Cuarta onda do feminismo

Artigo principal: Cuarta onda do feminismo.

A cuarta onda do feminismo refírese ao renacemento do interese polo feminismo que empezou ao redor 2012 e está asociado co uso de medios de comunicación sociais.[60] Segundo a académica feminista Prudence Chamberlain, os obxectivos da cuarta onda concéntranse en obter xustiza para as mulleres e a oposición ó acoso sexual e á violencia contra as mulleres. A súa esencia, escribe, está na "incredulidade de que certas actitudes aínda poden existir".[61]

A cuarta onda do feminismo está "definida pola tecnoloxía", segundo Kira Cochrane, e está caracterizada particularmente polo uso de Facebook, Twitter, Instagram, Youtube, Tumblr, e blogs, como por exemplo Feministing, para desafiar a misoxinia e tamén a igualdade de xénero.[60][60][62][63]

Os problemas nos que se centra a cuarta onda do feminismo inclúen o acoso na rúa e no lugar de traballo, agresións sexuais nos campus e a cultura da violación. Os escándalos que implican o acoso, abuso, e o asasinato de mulleres e mozas galvanizou o movemento. Estes incluíron a cuadrilla de violación de Delhi de 2012, as alegacións de Jimmy Savile de 2012, as alegacións de Bill Cosby, os asasinatos de Illa Vista de 2014, o xuízo de Jian Ghomeshi de 2016, as alegacións de Harvey Weinstein de 2017 e o subseguinte efecto Weinstein, e os escándalos sexuais de Westminster de 2017.[64]

Exemplos de campañas da cuarta onda do feminismo son, por exemplo, Everyday Sexism Project, No More Page 3, Stop Bild Sexism, Mattress Performance, 10 Hours of Walking in NYC as a Woman, #YesAllWomen, a campaña Free the Nipple, One Billion Rising, a marcha das mulleres de 2017, a marcha das mulleres de 2018, e o movemento #MeToo. En decembro de 2017, a revista Time escolleu a varias activistas femininas prominentes implicadas no movemento #MeToo, chamadas as "rompedoras do silencio", como Persoas do ano.[65][66]

Other Languages
Afrikaans: Feminisme
Alemannisch: Feminismus
aragonés: Feminismo
العربية: نسوية
asturianu: Feminismu
azərbaycanca: Feminizm
تۆرکجه: فمینیزم
башҡортса: Феминизм
Boarisch: Feminismus
žemaitėška: Femėnėzmos
беларуская: Фемінізм
беларуская (тарашкевіца)‎: Фэмінізм
български: Феминизъм
भोजपुरी: नारीवाद
বাংলা: নারীবাদ
brezhoneg: Gwregelouriezh
bosanski: Feminizam
буряад: Феминизм
català: Feminisme
нохчийн: Феминизм
کوردی: فێمینیزم
čeština: Feminismus
dansk: Feminisme
Deutsch: Feminismus
Zazaki: Feminizm
Ελληνικά: Φεμινισμός
English: Feminism
Esperanto: Feminismo
español: Feminismo
eesti: Feminism
euskara: Feminismo
estremeñu: Feminismu
فارسی: فمینیسم
suomi: Feminismi
Võro: Feminism
français: Féminisme
Frysk: Feminisme
Gaeilge: Feimineachas
گیلکی: فمنيسم
Avañe'ẽ: Kuñareko
עברית: פמיניזם
हिन्दी: नारीवाद
Fiji Hindi: Feminism
hrvatski: Feminizam
magyar: Feminizmus
հայերեն: Ֆեմինիզմ
interlingua: Feminismo
Bahasa Indonesia: Feminisme
Interlingue: Feminisme
Ilokano: Peminismo
íslenska: Femínismi
italiano: Femminismo
Patois: Feminizim
ქართული: ფემინიზმი
қазақша: Феминизм
한국어: 여성주의
kurdî: Femînîzm
Кыргызча: Феминизм
Latina: Feminismus
Limburgs: Feminisme
lietuvių: Feminizmas
latviešu: Feminisms
मैथिली: नारीवाद
македонски: Феминизам
Bahasa Melayu: Feminisme
Mirandés: Femenismo
မြန်မာဘာသာ: အမျိုးသမီးဝါဒ
مازِرونی: فیمینیسم
नेपाली: नारीवाद
नेपाल भाषा: मिसावाद
Nederlands: Feminisme
norsk nynorsk: Feminisme
norsk: Feminisme
Novial: Feminisme
occitan: Feminisme
ଓଡ଼ିଆ: ନାରୀବାଦ
ਪੰਜਾਬੀ: ਨਾਰੀਵਾਦ
polski: Feminizm
Piemontèis: Feminism
پنجابی: فیمینزم
پښتو: فیمینزم
português: Feminismo
română: Feminism
русский: Феминизм
русиньскый: Фемінізм
саха тыла: Феминизм
sicilianu: Fimminismu
Scots: Feminism
سنڌي: عورتزاد
srpskohrvatski / српскохрватски: Feminizam
Simple English: Feminism
slovenčina: Feminizmus (hnutie)
slovenščina: Feminizem
shqip: Feminizmi
српски / srpski: Феминизам
Basa Sunda: Féminisme
svenska: Feminism
Kiswahili: Ufeministi
తెలుగు: స్త్రీవాదం
Tagalog: Peminismo
Türkçe: Feminizm
татарча/tatarça: Феминизм
ئۇيغۇرچە / Uyghurche: فېمىنىزم
українська: Фемінізм
اردو: نسوانیت
walon: Feminisse
Winaray: Feminismo
吴语: 女权主义
მარგალური: ფემინიზმი
ייִדיש: פעמיניזם
中文: 女性主義
Bân-lâm-gú: Lú-sèng-chú-gī
粵語: 女性主義