Falacia

Caricatura de Charles Darwin coma un simio, na revista Hornet. Esta caricatura consiste nunha apelación ó ridículo, unha forma de argumentum ad hominem.

Unha falacia é un argumento que, malia semellar válido, non é tal. É, xa que logo, loxicamente inconsistente, fallando no soporte eficaz do que pretende probar. Os argumentos que se destinan á persuasión poden parecer convincentes para gran parte do público a pesar de conteren falacias, mais non deixan de ser falaces por causa diso. Debido a isto, ocasionalmente úsanse como figuras estilísticas.

Un argumento pode ser falaz tendo as súas premisas e conclusión verdadeiras. Isto é, o que fai falaz a un argumento non é a falsidade das súas afirmacións senón a invalidez do razoamento en si mesmo.

Recoñecer as falacias é por veces difícil. É importante coñecer os tipos de falacia para evitar trampas lóxicas na propia argumentación e para analizar a argumentación allea. Xa Aristóteles identificou trece tipos de falacias nas súas Refutacións sofísticas[1]. Hoxe en día téñense proposto varios sistemas de clasificación e son centos as falacias identificadas.

Non só a lóxica ten interese na análise das falacias. A política, a publicidade, o dereito, a relixión, a ciencia e o xornalismo son eidos nos que a falacia ten grande importancia, xa que basean boa parte das súas actividades na argumentación e na persuasión.

Definición de falacia

Non existe un consenso xeneralizado á hora de abordar a definición de falacia. O profesor de filosofía Charles Hamblin na súa obra Fallacies (1970), tras rastrexar a evolución da noción dende tempos de Aristóteles ata o século XX, chegou á conclusión de que a mellor definición de falacia é a de aquel argumento que, malia semellar válido, non é tal.[2] Porén, autores posteriores coma Ralph Johnson[3] ou Hans Hansen[4] cuestionaron a conclusión de Hamblin e propuxeron definicións alternativas. Para Van Eemeren e Grootendorst[5] unha falacia defínese como unha violación das regras de discusión. Unha dificultade obvia resultante da aplicación desta noción é concretar cales son as regras a respectar nunha discusión.

En lóxica, unha falacia é un xeito de razoamento que sempre ou case sempre conduce a un argumento incorrecto, debido a un defecto na súa estrutura, podendo aproveitarse dos prexuízos ou nesgos cognitivos para semellaren lóxicas. O erro inconsciente ou voluntario pode mudarse por unha manipulación deliberada, converténdose a falacia lóxica nun mecanismo manexado a conveniencia para poñer en práctica os nesgos cognitivos, tal e como acontece na publicidade ou nos procesos de control mental ou social.

Moitas veces as falacias escapan ao ámbito de análise da lóxica formal, empregando a causalidade ou estrataxemas psicolóxicas fundamentadas no emprego das relacións de poder entre o orador e o interlocutor, como as chamadas patrióticas ou á moralidade, para establecer as premisas intermedias, ben sexan explícitas ou implícitas, precisas para o razoamento. Así, presuncións non expresadas de xeito explícito e difíciles de detectar nun primeiro momento serven de base a moitas falacias.

Other Languages
العربية: مغالطة
català: Fal·làcies
Deutsch: Fehlschluss
Ελληνικά: Λογική πλάνη
English: Fallacy
Esperanto: Logika trompo
español: Falacia
euskara: Falazia
فارسی: مغالطه
עברית: כשל לוגי
Bahasa Indonesia: Kesesatan
íslenska: Rökvilla
italiano: Fallacia
日本語: 誤謬
한국어: 논리적 오류
македонски: Логичка грешка
മലയാളം: ഹേത്വാഭാസം
Nederlands: Drogreden
norsk nynorsk: Tankefeil
norsk: Tankefeil
português: Falácia
română: Eroare logică
Scots: Fallacy
srpskohrvatski / српскохрватски: Logička greška
Simple English: Fallacy
slovenčina: Logický klam
shqip: Falsiteti
српски / srpski: Логичка грешка
Tagalog: Palasiya
Türkçe: Safsata
українська: Логічна хиба
Tiếng Việt: Ngụy biện
中文: 謬誤
Bân-lâm-gú: Lô-chek gō͘-biū
粵語: 謬論