Existencialismo

O filósofo danés Søren Kierkegaard cuxa influencia foi primordial para o desenvolvemento do existencialismo.

Por existencialismo desígnase un amplo movemento filosófico desenvolvido en Europa principalmente entre os anos 30 e 50 do século pasado. Ademais do existencialismo sensu stricto do filósofo Jean-Paul Sartre e de novelistas como Simone de Beauvoir ou Albert Camus, inclúense tamén baixo esta rúbrica, non sen certa polémica, as filosofías existenciais de Gabriel Marcel, Karl Jaspers e Martin Heidegger, así como a teoloxía existencial de Karl Barth, entre outros. Como precursor de todos eles soese mencionar o pensador danés Søren Kierkegaard.

Obxecto de reflexión da filosofía existencialista

A reflexión filosófica dos pensadores existencialistas arranca dun estudo da existencia humana, entendida como unha “realidade” individual peculiar e diferente do resto dos obxectos da natureza. Estes últimos, como indica Heidegger, están aí diante, á vista, podendo un observalos e reflexionar obxectivamente sobre eles. Por exemplo, a árbore que está aí no meu xardín e que estou a contemplar. Os obxectos do mundo, como esta árbore, teñen unha serie de características comúns con outros obxectos similares que permiten elaborar unha definición idéntica para todos eles. Este sería, precisamente, un dos obxectivos de gran parte da filosofía tradicional, é dicir, definir o que as cousas son en función da esencia común a todos os exemplares da mesa especie. Pero a nosa existencia nunca se nos presenta como algo contemplable e exterior a nós mesmos (como, por exemplo, a árbore que está enfronte de nós), senón que, como di Marcel, é un “misterio” no que cada un está incorporado ( O misterio do ser). A existencia experimentámola só en primeira persoa vivíndoa. Eu experimento a miña existencia, ti a túa etc. Existir, ademais, consiste na realización ou exercicio dun modo de ser propio, non compartible, pois acontécelle só a un mesmo e a ninguén máis. A miña existencia é miña e nunca pode saír de min cara outro, así como a túa existencia é tamén exclusivamente túa. De aí que cada existencia humana sexa diferente, coas súas características propias froito das vicisitudes persoais na vida de cada un. Por todo isto os filósofos existencialistas consideran que o ser humano ten un modo peculiar de existir, diferente da existencia dos demais entes (pedras, plantas, animais etc.). No primeiro caso trátase dun modo de ser exclusivamente individual e continxente, mentres que no segundo caso son entes susceptibles dunha definición universal e invariable. Esta é a razón de que escollan termos diferentes para expresar a existencia, segundo se trate da existencia dun ser humano ou doutro ente non humano, por exemplo: o par Existenz (humana)-Vorhandensein (dos entes) en Heidegger, ou o par Pour soi (humano)- En soi (das cousas) en Sartre etc.

Other Languages
Afrikaans: Eksistensialisme
Alemannisch: Existenzialismus
አማርኛ: ኅልውነት
العربية: وجودية
مصرى: وجوديه
asturianu: Esistencialismu
azərbaycanca: Ekzistensializm
башҡортса: Экзистенциализм
беларуская: Экзістэнцыялізм
беларуская (тарашкевіца)‎: Экзыстэнцыялізм
čeština: Existencialismus
Cymraeg: Dirfodaeth
Zazaki: Estbiyayenı
Ελληνικά: Υπαρξισμός
Esperanto: Ekzistadismo
español: Existencialismo
français: Existentialisme
Gaeilge: Eiseachas
贛語: 存在主義
Avañe'ẽ: Jeikogua reko
interlingua: Existentialismo
Bahasa Indonesia: Eksistensialisme
íslenska: Tilvistarstefna
italiano: Esistenzialismo
日本語: 実存主義
la .lojban.: zatsi'o
한국어: 실존주의
Bahasa Melayu: Eksistensialisme
Nederlands: Existentialisme
norsk nynorsk: Eksistensialisme
ਪੰਜਾਬੀ: ਅਸਤਿਤਵਵਾਦ
português: Existencialismo
română: Existențialism
srpskohrvatski / српскохрватски: Egzistencijalizam
Simple English: Existentialism
slovenčina: Existencializmus
slovenščina: Eksistencializem
српски / srpski: Egzistencijalizam
Türkçe: Varoluşçuluk
українська: Екзистенціалізм
اردو: وجودیت
oʻzbekcha/ўзбекча: Ekzistensializm
Tiếng Việt: Chủ nghĩa hiện sinh
中文: 存在主义
Bân-lâm-gú: Chûn-chāi-chú-gī
粵語: 存在主義