Estrato (xeoloxía)

Estratos policromáticos na Quebrada de Cafayate (Arxentina).
Flysch (turbidita) nos Cárpatos en Komańcza (Polonia).

En xeoloxía chámase estrato a cada unha das capas en que se presentan divididos os sedimentos, as rochas sedimentarias, as rochas piroclásticas e as rochas metamórficas cando esas capas se deben ao proceso de sedimentación. A rama da xeoloxía que estuda os estratos recibe o nome de estratigrafía.[1][2]

Hai que ter en conta que outros fenómenos xeolóxicos distintos poden dar orixe a capas, que entón non se chamarán estratos. É o caso, por exemplo, das laxes que se forman durante o metamorfismo cando grandes presións afectan as rochas, orixinando cortes perpendiculares á forza de compresión. Por último, as intrusións ígneas poden formar diques ou capas interestratificadas que aparecen nalgúns casos como se fosen un estrato máis ou formando un manto ou sill.

O estudo dos estratos é moi útil para o xeólogo porque o estrato rexistra un acontecemento singular do tempo xeolóxico, constitúe un rexistro do tempo xeolóxico, proporciona planos xeolóxicos de referencia e indica a deformación da rocha, indica o ambiente de sedimentación e contén a miúdo fósiles útiles para a datación.[3]

Estratificación

Os estratos fórmanse tipicamente como capas horizontais de potencia (espesor) uniforme, limitadas por superficies de estratificación, que son interfases máis ou menos nítidas respecto o estrato máis novo (situado enriba) e o máis vello (debaixo). Na descrición dos estratos úsase o termo «base» ou «muro» para referirse á parte máis antiga (xeometricamente a inferior, se non median alteracións tectónicas da posición) e «teito» para a máis recente. Os estratos son as unidades básicas de estudo da estratigrafía.

Estratificación cruzada en arenitos, no canón do Antílope, Arizona, Estados Unidos.

Os estratos horizontais e uniformes poden evolucionar, en presenza de forzas tectónicas, sufrindo cambios de posición (basculamento, que pode levar incluso á súa inversión) e de forma (pregamento). Ademais algúns estratos aparecen desde a súa mesma orixe inclinados entre si e de espesor desigual, como ocorre na estratificación cruzada. A xénese da estratificación cruzada é bastante simple nos procesos de recheo por sedimentos arrastrados polos ríos (areas, arxilas) cando chegan ao pé demonte dunha cordilleira e forman conos de dexección, terrazas e outras formas menores do relevo. Estes sedimentos dispóñense de acordo coa gravidade, e que se crucen entre sí obedece a un cambio no curso do río que se desvía con cada enchente importante, que moitas veces son esporádicas como é típico nos climas áridos, polo simple feito de que a enchente do río produciu unha acumulación que as augas do río teñen que rodear pola súa maior altura, depositándose agora con buzamento (é dicir, unha inclinación), sentido e espesor diferentes. Co paso do tempo, esas areas ou arxilas poden consolidarse e formar rochas sedimentarias (arenitos, por exemplo, como é o caso da imaxe do Canón do Antílope) pero que conservaron a disposición orixinal das areas que formaron ditas rochas. Tamén pode verse unha descontinuidade estratigráfica no centro da imaxe.

En resumo, estas superficies de estratificación reflicten heteroxeneidades do proceso de sedimentación, con cambios bruscos na natureza do sedimento ou interrupcións máis ou menos prolongadas do proceso de depósito.

Other Languages
العربية: طبقة أرضية
asturianu: Estratu
azərbaycanca: Lay (təbəqə)
беларуская: Пласт (геалогія)
беларуская (тарашкевіца)‎: Пласт (геалёгія)
български: Пласт (геология)
català: Estrat
English: Stratum
español: Estrato
euskara: Estratu
فارسی: چینه
Gaeilge: Srathú
hrvatski: Sloj
Bahasa Indonesia: Stratum
日本語: 地層
한국어: 지층
Nederlands: Gelaagdheid
norsk nynorsk: Lag i geologi
occitan: Estrat
português: Estrato geológico
Simple English: Strata
slovenčina: Vrstva (geológia)
Soomaaliga: Lakab dhul
српски / srpski: Слој (геологија)
Tagalog: Stratum
татарча/tatarça: Катлам (геология)
українська: Пласт (геологія)
Tiếng Việt: Địa tầng
中文: 地层