Dodro

Dodro
Escudo de Dodro
As Brañas e o río Ulla.
Hórreos en Vigo.Muíño da Devesa.
Pazo de Hermida.
Arriba, as brañas e o río Ulla; no medio á esquerda, hórreos na aldea de Vigo; no medio á dereita, o muíño da Devesa e abaixo o pazo de Hermida.
Situacion Dodro.PNG
Situación
Xentilicio[1]dodrense
Xeografía
ProvinciaProvincia da Coruña
ComarcaComarca do Sar
Poboación2.832 hab. (2017)
Área36,1 km²
Densidade78,45 hab./km²
Entidades de poboación26 aldeas en 3 parroquias
Capital do concelloTallós
Política (2015)
AlcaldeValentín Alfonsín Somoza (PPdeG)
ConcelleirosBNG: 1
PPdeG: 6
PSdeG-PSOE: 1
Outros:
Unidade Veciñal de Dodro: 3
Eleccións municipais en Dodro
Uso do galego[2] (2011)
Galegofalantes86,57%
Na rede
concellodedodro.org

Dodro é un concello da provincia da Coruña pertencente á comarca do Sar; está situado no suroeste da provincia, onde o río Ulla se funde coa ría de Arousa. O seu xentilicio é «dodrense» e ten o concello a súa capitalidade en Tallós. Dista de Santiago de Compostela arredor de 24 km e de Ribeira atopase a uns 35 km, ten unha superficie de 36,1 km² e segundo o IGE, a 1 de xaneiro de 2015 tiña 2882 habitantes[3] (1396 homes e 1486 eran mulleres), cunha densidade de poboación de 81,27 hab./km².

O concello de Dodro conserva espazos naturais de gran importancia ambiental e paisaxística, como as Brañas de Laíño que se estenden a carón do río Ulla, constituíndo o espazo húmido máis grande de Galicia[4], incluídas no Sistema Fluvial Ulla-Deza e declarada zona de especial conservación[5]. Preserva moitos elementos tradicionais como os cruceiros, os muíños, os hórreos e os reloxos de sol, exemplo da etnografía galega, en diferentes estados de conservación, ademais dunha rica tradición oral e escrita. Pazos históricos que lembran a nobreza de antano e igrexas do barroco completan o patrimonio arquitectónico do municipio.

Xeografía

Situación

A estrada AC-305 vertebra o concello.

O concello de Dodro sitúase na vertente dereita do río Ulla, limita ó norte co concello de Rois, ó leste co de Padrón e ó oeste cos municipios de Lousame e Rianxo.

Non hai núcleos de poboación importantes; atópanse a maioría das casas á beira da estrada AC-305, a antiga C-550, que une Padrón e Ribeira e atravesa o concello de Leste a Oeste. Existe ademais unha ampla rede de estradas secundarias que comunican os distintos núcleos de poboación.

Casa do concello.

Ten a capitalidade o concello en Tallós, onde se sitúa a casa consistorial que data do ano 1906. Este municipio pertence, xunto con Padrón e Rois, á comarca do Sar aínda que pola súa localización está tamén moi vinculado á veciña comarca do Barbanza.

A distancia dende a capital do concello a outros núcleos de poboación de importancia que se atopan próximos é a seguinte:

Orografía

O concello atópase nunha zona prelitoral situada na Depresión Meridiana, preto da desembocadura do río Ulla na ría de Arousa. O municipio está caracterizado por un nivel chairego que liga coas ladeiras da Serra do Barbanza. Así, nun espazo tan pequeno coexisten dúas áreas ben contrastadas; unha baixa, coincidente co val do Ulla no que se atopa a paraxe natural das Brañas de Laíño, e outra, no norte do concello, montañosa, de gran riqueza forestal e orientada a solaina.

O punto máis elevado é a Lomba da Poza con 576 metros seguido do Monte Morouzas de 312 metros, o monte Caldebarcas con 312 metros, o Carboeiro con 302 metros e o Vilar de 227 metros; zona montañosa constituída polas estribeiras mais orientais da Serra do Barbanza, montes suavizados que defenden as terras máis baixas e os cultivos das inclemencias dos ventos do primeiro cuadrante. O declive é bastante pronunciado, pois son alturas considerables que descenden dende os cincocentos metros ata o nivel do mar.

Na parte mais meridional do concello discorre o río Ulla que constitúe un amplo val de marismas, brañas e veigas de moita fertilidade, que se atopan ó amparo e resgardo dos montes que mencionamos. Xunto co río Sar existen pequenos ríos e numerosos regueiros que verten as súas augas no río Ulla[6].

Xeoloxía e edafoloxía

O material xeolóxico sobre o que se asenta a zona é nunha serie de rochas graníticas prehercínicas na que se inclúen gneises, migmatitas, granitos e granodioritas[7]. Canto á edafoloxía; na maior parte da superficie do monte atópanse solos de tipo Umbrisol húmico (FAO, 1998) de 50 a 70 cm. de profundidade media; nas zonas de ladeira, onde a pendente é moi pronunciada aparecen enclaves con solos de tipo Leptosol úmbrico (FAO,1998), onde a profundidade edáfica rolda os 25 cm. As brañas de Laíño constitúen un extenso val na parte máis meridional do concello, formado sobre sedimentos aluviais, que se estende á beira do río Ulla. Debido á abondosa cantidade de minerais resistentes predominan as texturas franco-areosas e no referente á química hai que sinalar a acidez típica dos solos galegos.

Formacións vexetais

Bosque no monte Carboeiro.

A superficie forestal do concello está constituída por repoboacións de coníferas, principalmente piñeiro do país (Pinus pinaster) e en menor proporción piñeiro insigne (Pinus radiata), representando o 50 % da superficie; a vexetación climática natural, que inclúe ós bosques de ribeira, está representada en menor medida, porén as Brañas de Dodro abranguen unha elevada porcentaxe da superficie do concello (954,20 ha)[8], unha brañeira de gran riqueza ecolóxica.

As masas formadas pola presenza de dúas ou tres especies, que son xeralmente o carballo (Quercus robur) xunto co piñeiro do país (Pinus pinaster) e o eucalipto (Eucaliptus globulus), son moi frecuentes, ocupando o 20 % da superficie total.

Canto as zonas ocupadas por cultivos e pastos, representa o 20 % da superficie. Por último as zonas ocupadas por matogueiras representan unha pequena porcentaxe da superficie total[9].

Hidrografía de Dodro.

Hidrografía

O río Ulla pertence á Confederación Hidrográfica do Norte. A conca do río Ulla discorre pola parte meridional do concello, próximo á súa desembocadura na ría de Arousa, conformando un amplo val onde hai brañas. Existen varios ríos de curso rápido e curto percorrido que nacen dentro dos límites do concello como son o da Devesa, afluente do río Te, o de Manselle ou o de Vigo (río de San Lufo), que conflúen no Ulla. Hai tamén diversos regatos e regueiros.

Clima

Dodro atópase no dominio climático oceánico-hiperhúmido que se caracteriza por unha concentración das precipitacións de inverno, arredor dos 1.500 mm, sequidade estival, néboas, escasa presenza de xeadas e unha temperatura media de 12 °C cunha oscilación térmica superior ós 10 °C[10].

Nuvola apps kweather.png Temperaturas e precipitacións mensuais
Mes Xan Feb Mar Abr Mai Xuñ Xul Ago Set Out Nov Dec Ano
Temperatura media mensual (°C) 9,1 9,7 12 13,4 15,8 18,7 21 20,8 19 15,9 11,7 9,4
14,7
Temperatura media das mínimas (°C) 4,7 4,9 6,4 7,7 9,9 12,6 14,4 14,4 13 10,3 6,8 5,3
9,2
Temperatura media das máximas (°C) 13,4 14,6 17,5 19,2 21,7 24,9 27,5 27,1 24,9 21,5 16,5 13,6
20,2
Temperatura media das mínimas absolutas (°C) -1,2 -1,1 1 2,7 4,5 7,9 9,5 9,7 7,6 4,1 0 -1,3
3,6
Temperatura media das máximas absolutas (°C) 18,1 20,8 24,6 26,9 31,1 34 36,5 34,8 32,8 28,4 21,2 17,9
27,3
Precipitación media mensual (mm) 216 169 170 119 108 69 37 53 104 146 209 202
1596
Fonte: Estación meteorolóxica de Herbón (Padrón).

Demografía

Estrutura da poboación

A poboación de feito no concello segundo o censo municipal de habitantes a 1 de xaneiro de 2.013 é de 2.934 habitantes, que se establece en 26 núcleos. A poboación distribúese nun territorio de aproximadamente 36,1 km² o que supón unha densidade media de 81,27 hab./km².

Censo total 2015 2.882 habitantes
Menores de 15 anos 317 (11 %)
Entre 15 e 64 anos 1.754 (60.86 %)
Maiores de 65 anos 811 (28.14 %)

A poboación atópase diseminada polas tres parroquias do concello[11]; sendo a parroquia de Santa María de Dodro a de maior densidade de poboación con 1.231 veciños distribuídos en 7,20 km², seguida de San Xoán de Laíño con 968 nunha superficie de 17,18 km² e, por último, San Xián de Laíño con 735 habitantes en 11,70 km²; como se pode apreciar na seguinte táboa:

Poboación en Dodro no 2013
Parroquia Homes Mulleres Total Densidade
(hab. / km²)
Santa María de Dodro 609 622 1231 170,97
San Xián de Laíño 352 383 735 62,82
San Xoán de Laíño 474 494 968 56,34
Total 1435 1499 2934 81,27
Fonte: Instituto Nacional de Estadística

Evolución da poboación

Demograficamente este concello presenta unha situación desfavorable cunha tendencia ó despoboamento, feito agudizado no período de 1.986 a 1.998, esta característica convén relativizala, pois é unha feito común na maioría dos concellos galegos. Así mesmo a partir de 1.998 a poboación diminúe paulatinamente pero a tendencia non é tan acusada como nos anos precedentes[3].

Fonte: Instituto Galego de Estatística
Evolución da poboación de Dodro   Fontes: INE e IGE.
1900 1930 1950 1981 2004 2009 2011 2012 2013 2014 2015 2016 2017
3.181 3.213 3.262 3.542 3.162 3.029 2.980 2.977 2.934 2.913
(Os criterios de rexistro censual variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.)

Pirámide de poboación

A pirámide adopta unha forma acampanada cun crecemento de poboación moi moderado de baixa natalidade e mortalidade, propia de países desenvolvidos.

  • Pirámide de poboación no ano 2013[12]:
Fonte: Instituto Galego de Estatística

Inmigración

Principais nacionalidades
estranxeiras (2013)[13]
Posición Nacionalidade Poboación
Romanía Romanía 10
Portugal Portugal 4
Nixeria Nixeria 2
Flag of Argentina.svg Arxentina 1
Flag of Brazil.svg Brasil 1
Flag of Paraguay.svg Paraguai 1
Flag of the Dominican Republic.svg República Dominicana 1
Fonte: Instituto Galego de Estatística

Segundo os datos recompilados polo IGE hai en Dodro 2.934 habitantes, dos cales 22 son de nacionalidade estranxeira[13], a meirande parte procede de Romanía; hai 10 persoas orixinarias dese país do leste de Europa.

Os índices de poboación inmigrante no concello sinalan que a porcentaxe de poboación estranxeira é do 0,75%, un número pouco significativo; moi afastado da media galega, que rolda o 4% e tamén da media estatal, que anda arredor do 10%.

Other Languages
العربية: دودرو
تۆرکجه: دودرو
brezhoneg: Dodro
català: Dodro
Cebuano: Dodro
Deutsch: Dodro
English: Dodro
español: Dodro
euskara: Dodro
فارسی: دودرو
français: Dodro
magyar: Dodro
italiano: Dodro
日本語: ドドロ
lumbaart: Dodro
македонски: Додро
Bahasa Melayu: Dodro
Nederlands: Dodro
occitan: Dodro
Kapampangan: Dodro
polski: Dodro
português: Dodro
русский: Додро
svenska: Dodro
Türkçe: Dodro
українська: Додро
oʻzbekcha/ўзбекча: Dodro
Tiếng Việt: Dodro
Winaray: Dodro
中文: 多德罗
Bân-lâm-gú: Dodro