División celular

Os tres tipos principais de división celular.
División de células durante 42 horas. As células foron observadas directamente no recipiente de cultivo celular, usando microscopía de constraste de fase cuantitativa con exposición prolongada e non invasiva.[1]

A división celular é o proceso por medio do cal unha célula orixina dúas ou máis células fillas. A división celular nos seres pluricelulares é necesaria durante a embrioxénese, o crecemento, e para substituír as células que morren nos tecidos, e o ritmo de división varía moito dun tecido a outro[2]. Un ser humano ao longo da súa vida realiza uns 10.000 billóns de divisións celulares no seu corpo [3], pero as divisións dunha célula individual están limitadas debido ao acurtamento dos telómeros dos cromosomas, e no ser humano o número máximo de divisións é 52 (límite de Hayflick) [4][5]. As células canceríxenas crecen sen parar porque teñen grandes cantidades dun encima, a telomerase, que repara os telómeros [6].Nos seres unicelulares a división celular completa equivale á reprodución do organismo.

Principais tipos de división celular

Os principais tipos de división celular son tres: mitose, meiose e fisión binaria bacteriana.

Artigos principais: mitose, meiose e fisión binaria.
  • Mitose. A mitose é a forma máis común de división, típica das células somáticas do organismo. A célula nai divídese formando dúas células fillas xeneticamente iguais. Os cromosomas duplícanse antes de iniciarse a mitose (na interfase), polo que están formados por dúas cromátides, que se separarán durante a mitose, proporcionando unha dotación xenética completa a cada célula filla. Durante a mitose unha formación constituída por microtúbulos chamada fuso acromático arrastra as cromátides aos polos da célula, e despois esta divídese pola metade.
  • Meiose. A meiose é a forma de división utilizada para a formación de células reprodutoras, tales como gametos, que realizarán a reprodución sexual, e certas esporas (meiosporas) asexuais. Pero hai casos en que os gametos se producen por mitose, como sucede, por exemplo, nos gametófitos de briófitas (carrizas) e pteridófitas (fentos), que son xa haploides e forman os gametos, tamén haploides, por mitose. A meiose consta de dúas divisións seguidas, 1ª e 2ª división meióticas, que acaban orixinando catro células fillas coa metade de cromosomas ca a célula inicial. Ademais, as células fillas da meiose non son todas iguais entre si nin iguais á célula inicial, porque se produce unha recombinación xenética entre cromosomas homólogos durante a 1ª división meiótica. Na meiose tamén actúa o fuso acromático. Xeralmente as células fillas son do mesmo tamaño, pero unha excepción é a ovoxénese na que se forman tres corpúsculos polares de pequenas dimensións e un óvulo, que queda con case todo o citoplasma e é moito maior.
  • Fisión binaria bacteriana. A fisión binaria é o modo de división típico das bacterias. A bacteria duplica o seu ADN, este sepárase, e fórmase unha parede divisoria que orixinará as dúas células fillas, xeneticamente iguais. O mecanismo da fisión binaria é sinxelo e non se forma o fuso acromático de microtúbulos, típico da mitose e meiose.
Other Languages
العربية: انقسام خلوي
bosanski: Ćelijska dioba
Cymraeg: Cellraniad
Deutsch: Zellteilung
English: Cell division
Gaeilge: Cilldeighilt
hrvatski: Stanična dioba
հայերեն: Կիսում
Bahasa Indonesia: Pembelahan sel
íslenska: Frumuskipting
日本語: 細胞分裂
한국어: 세포 분열
македонски: Делба на клетките
മലയാളം: കോശവിഭജനം
Bahasa Melayu: Pembahagian sel
Nederlands: Celdeling
norsk nynorsk: Celledeling
português: Divisão celular
srpskohrvatski / српскохрватски: Ćelijska deoba
Simple English: Cell division
slovenčina: Bunkové delenie
slovenščina: Celična delitev
српски / srpski: Ћелијска деоба
svenska: Celldelning
українська: Поділ клітини
oʻzbekcha/ўзбекча: Hujayra boʻlinishi
Tiếng Việt: Phân bào
吴语: 细胞分裂
中文: 细胞分裂