Darwinismo

Charles Darwin en 1880, aos 71 anos (dous anos antes da súa morte). A repercusión da teoría da evolución por selección natural aparecida en 1859 coa publicación de On the Origin of Species xa era unha realidade que revolucionara numerosos campos da ciencia.

O darwinismo[1] é o termo co que se describen as ideas de Charles Darwin, especialmente en relación á evolución biolóxica por selección natural.

O darwinismo, tal como se entende hoxe, non é sinónimo de evolucionismo, xa que este último é anterior a Charles Darwin: as teorías darwinistas son evolucionistas, pero a súa contribución clave é o concepto de selección natural considerado determinante para explicar a causa da evolución,[2] e que no seu posterior desenvolvemento, con numerosas achegas e correccións, permitirá a formulación da teoría da evolución actual ou síntese evolutiva moderna. Por tanto, estritamente falando, é igualmente equivocado usar o termo «darwinismo» para referirse á actual teoría da evolución, xa que esta non se reduce só ás ideas postuladas por Charles Darwin. Os nomes que se lle deu á teoría da evolución moderna despois do darwinismo foron neodarwinismo e síntese evolutiva moderna ou recentemente síntese evolutiva moderna ampliada.

O termo darwinismo foi acuñado polo biólogo inglés Thomas Henry Huxley en abril de 1860.[3] Usouse inicialmente para describir conceptos evolutivos en xeral, incluíndo os conceptos iniciais publicados polo filósofo inglés Herbert Spencer. Moitos dos propoñentes do darwinismo naquela época, incluíndo Huxley, tiñan algunhas reservas sobre o significado da selección naural, e o propio Darwin deu en determinada época certo creto ao lamarckismo. O estrito neodarwinismo do biólogo evolutivo alemán August Weismann foi gañando partidarios a finais do século XIX. Durante o período de 1880 a 1920, que ás veces se denomina "a eclipse do darwinismo", os científicos propuxeron varios mecanismos evolutivos alternativos que finalmente se probou que eran insostibles. O desenvolvemento da síntese evolutiva moderna entre as décadas de 1930 e 1950, incorporou á selección natural a xenética de poboacións e a xenética mendeliana, e fixo revivir o darwinismo nunha forma actualizada.[4] Deste modo o darwinismo converteuse nun termo inapropiado para a moderna teoría evolutiva, debido a esta incorporación de moitas ideas e coñecementos descoñecidos anteriormente.[5][6]

En Estados Unidos, os creacionistas a miúdo usan o termo "darwinismo" como un termo pexorativo ligándoo a crenzas como o materialismo científico e ateísmo, pero en Europa o termo non ten connotacións negativas, e úsase como unha forma abreviada de refereirse á teoría da evolución por selección natural, aínda que se usen tamén os termos novos (síntese evolutiva moderna).[5]

Historia do darwinismo

T. H. Huxley, o máis importante polemista a favor do darwinismo durante a época vitoriana.

En realidade, o termo darwinismo xa se usou antes de Charles Darwin, xa que o seu antepasado Eramus Darwin no século XVIII publicara traballos sobre evolución que foron denominados "darwinismo". Pero o termo non se fixo famoso ata que Charles Darwin escribiu en 1859 o seu libro On the Origin of Species e en 1860 Thomas Henry Huxley o utilizou para referirse a ese traballo na súa Westminster Review.[7]

"Darwinismo" axiña se empezou a usar para referirse a unha ampla gama de filosofías evolutivas tanto sobre bioloxía coma sobre a sociedade. Un dos enfoques máis famosos que se fixo do termo foi o que se resume na frase de 1864 de Herbert Spencer " supervivencia dos máis fortes", que despois se faría emblemática do darwinismo. En realidade a comprensión particular de Spencer da evolución (como a expresou en 1857, antes da publicación de On the origin of Species de Darwin) era máis similar á de Jean-Baptiste Lamarck que á de Darwin. O que se chama hoxe " darwinismo social" foi, no seu día, sinónimo de darwinismo, e consiste na aplicación dos principios darwinistas da "loita pola supervivencia" á sociedade, xeralmente para apoiar unha axenda política antifilantrópica.

Nos tempos de Charles Darwin non había unha ríxida definición do termo "darwinismo", e usábano tanto os partidarios coma os opoñentes da teoría biolóxica de Darwin para significar o que cada un quería nun amplo contexto. Estas ideas tiveron influencia internacional e Ernst Haeckel desenvolveu en Alemaña o seu Darwinismus, que en realidade non se parecía moito á teoría de Darwin e non estaba centrado na selección natural.[8]

Alfred Wallace no seu libro Darwinism (1889) usou o termo darwinismo puro, que propoñía unha "maior eficacia" da selección natural.[9][10] George Romanes denomiou esta teoría "wallacismo", indicando que, a diferenza de Darwin, esta posición avogaba por unha "teoría pura da selección natural con exclusión de calquera teoría suplementaria."[11][12] Romanes propoñía que inflúían tanto a selección natural coma a herdanza dos caracteres adquiridos.[13][14]

Para o biólogo evolutivo Ernst Mayr o termo «darwinismo» ten ao longo da historia e desde 1859 (ano de publicación da obra de Darwin On the Origin of Species) polo menos nove usos diferentes. Ao principio o darwinismo só significaba anticreacionismo.[15] Se alguén explicaba o cambio evolutivo acudindo a causas naturais e non divinas era tachado de «darwinista» (por exemplo, Thomas Henry Huxley e Charles Lyell).

O uso do termo variará conforme as diversas teorías e subteorías que contiñan os postulados que foron pouco a pouco sendo aceptados, para despois seren matizados, corrixidos e completados ata a formulación, na década de 1940 a 1950, da síntese evolutiva moderna. Desde entón pode dicirse que o paradigma darwinista resiste fronte aos ataques sufridos, e o reducionismo, a súa formulación básica está vixente e parece que pode durar: a evolución é o resultado da variación xenética e do seu ordenamento mediante a eliminación e a selección.[15]

Hoxe, xeralmente o termo darwinismo úsase de forma neutra dentro da comunidade científica para distinguir a teoría evolutiva antiga inicialmente proposta por Darwin da teoría evolutiva da síntese moderna, ás veces chamada "neodarwinismo". O darwinismo tamén o usan os historiadores para referirse ás teorías evolutivas dun determinado período. Por exemplo, o darwinismo pode usarse para referirse aos mecanismos propostos por Darwin de selección natural, en comparación con mecanismos máis recentes como a deriva xenética e o fluxo xénico incorporados á teoría. Tamén se usa para contrapoñer as teorías evolutivas de Darwin con outras teorías evolutivas anteriores como o lamarckismo.

Other Languages
Afrikaans: Darwinisme
aragonés: Darwinismo
العربية: داروينية
asturianu: Darvinismu
azərbaycanca: Darvinizm
български: Дарвинизъм
català: Darwinisme
čeština: Darwinismus
dansk: Darwinisme
Deutsch: Darwinismus
Ελληνικά: Δαρβινισμός
English: Darwinism
Esperanto: Darvinismo
español: Darwinismo
eesti: Darvinism
euskara: Darwinismo
فارسی: داروینیسم
suomi: Darvinismi
français: Darwinisme
हिन्दी: डार्विनवाद
hrvatski: Darvinizam
magyar: Darwinizmus
հայերեն: Դարվինիզմ
Bahasa Indonesia: Darwinisme
ქართული: დარვინიზმი
қазақша: Дарвинизм
Кыргызча: Дарвинизм
Latina: Darwinismus
lietuvių: Darvinizmas
македонски: Дарвинизам
Bahasa Melayu: Darwinisme
Nederlands: Darwinisme
norsk: Darwinisme
polski: Darwinizm
português: Darwinismo
русский: Дарвинизм
संस्कृतम्: जीवविकासवादः
Scots: Darwinism
Simple English: Darwinism
slovenčina: Darvinizmus
slovenščina: Darvinizem
српски / srpski: Дарвинизам
svenska: Darwinism
тоҷикӣ: Дарвинизм
Türkçe: Darwinizm
українська: Дарвінізм
اردو: ڈارونیت
oʻzbekcha/ўзбекча: Darvinizm
Tiếng Việt: Học thuyết Darwin