Corte (do gando)

Corte moderna
Rabaño de vacas no exterior dunha moderna explotación vacúa, en Dumbría

A corte é un espazo cuberto e pechado onde se acolle o gando doméstico durante a noite ou, modernamente, de forma permanente. Pode estar constituída por un edificio propio ou formar parte doutra principal.

Adoita utilizarse esta denominación para o espazo onde se acolle o gando bovino ou equino, reservando para o caso do gando porcino o nome de cortello. Outros nomes populares da corte son boedo (propio de bois), cortaduría ou cortello (dedicado ós becerros).

A corte tradicional

Na casa tradicional galega, a corte era un edificio anexo á casa principal, moitas veces na planta baixa da mesma, buscando unha comunicación fácil e cómoda para poder acomodar o gando sen necesidade de saír á intemperie. Nas pallozas, a corte constituía unha división máis da planta principal, a carón da cociña ou das habitacións da xente, e recibía o nome de estrevariza. Cando a corte se construía como planta baixa da casa familiar implicaba algunhas vantaxes engadidas, como illar a planta de vivenda do frío e a humidade do chan e proporcionar unha forma de calefacción non desprezable, así como unha cómoda vía de eliminación dos excrementos das persoas, en tempos nos que aínda non existía un sistema de sumidoiros que garantise esa función de forma hixiénica.

Xaquín Lorenzo describía así a corte tradicional:

As cortes representan en menor escada a feitura das casas antergas. Sempre estradas (de estrume, palla, fentos, asegún as necesidás), baixas, de piso fondo e alumeadas por bufardas. As millores cóbrense de barras pra herba, palla e leña. Dispoñense baixo da casa, arredor do curro ou fora d’il. As fiestras e bufardas franqueanse pol-o regolar ô aire norte pra refrescare o gando nas noites de vrán. Gárdase n’elas o carro cando non hai bó pendello; algunhas son as vellas porciós tarreas da casa. Pr’os porcos reservanse os cortellos mais escuros, baixos e abrigados; a millor acostuma a ser pr’a mula ou faco, caso pouco frecoente, e pra xugadas de bois. A abenza acougase misturada c’o burro e c’as vacas; as veces en cortellos feitos de palitrocadas nas mesmas coadras grandes.

A corte non só era o abeiro onde se recollía o gando de noite ou nos días máis crus do inverno. Tamén era onde parían e se munxían as vacas. E para o gandeiro, que simultaneamente era agricultor, era a fonte de produción de esterco, imprescindible para a agricultura tradicional como fertilizante da terra.

Tratábase dunha construción sinxela e funcional, de madeira ou pedra, cunha porta ampla que facilitase a entrada e saída do gando e con ventás pequenas (chamadas bufardas ou facchinelos), que se tapaban con atados de palla durante o inverno.

A zona de acceso á corte adoitaba ter un espazo pechado (curral, boieira, currada, quinteiro) que podía ter unha parte cuberta, ben por unha parra, ben por un tellado simple. Neste quinteiro andaba ceibe o porco e as galiñas e na parte cuberta gardábase o carro, o arado e os outros trebellos propios do traballo do gandeiro.

No quinteiro reservábase un aparte onde se ía acumulando o esterco xerado polo gando, máis palla, toxo e outro molime, antes de retiralo co carro para esparexelo nas leiras. Este lugar denominábase estromeira e o material de refugallo que acollía estrume, molime ou estrado.

Other Languages
aragonés: Estallo
žemaitėška: Kūtė
беларуская: Хлеў
беларуская (тарашкевіца)‎: Хлеў
català: Estable
čeština: Chlév
dansk: Stald
Deutsch: Stall
Esperanto: Stalo
español: Establo
eesti: Laut
euskara: Ukuilu
føroyskt: Fjós
français: Étable (ferme)
Frysk: Stâl
magyar: Istálló
Ido: Stablo
italiano: Stalla
Limburgs: Sjtal
lietuvių: Tvartas
Nederlands: Stal (bouwwerk)
norsk nynorsk: Fjøs
norsk: Fjøs
Nouormand: Établle
português: Estábulo
русский: Хлев
sicilianu: Stadda
srpskohrvatski / српскохрватски: Štala
svenska: Stall
тоҷикӣ: Оғил
українська: Хлів
vèneto: Stała
vepsän kel’: Lävä