Cor dos ollos

O iris do ollo dálle cor aos ollos.

A cor dos ollos é un carácter fenotípico polixénico, é dicir, no que interveñen varios xenes, e que está determinado por dous factores: a pigmentación do iris do ollo [1][2] e a dispersión da luz causada pola turbidez do medio no estroma do iris.[3]

Nos humanos, a pigmentación do iris varía do castaño claro ao castaño moi escuro case negro, dependendo de tres cousas: a concentración de melanina no epitelio pigmentario do iris (localizado na parte posterior do iris), o contido de melanina do estroma do iris (situado na parte anterior do iris), e a densidade celular do estroma.[4] O aspecto dos ollos azuis, verdes, e abelás débese á dispersión de Rayleigh da luz no estroma, un fenómeno similar ao que orixina que o ceo do noso planeta sexa azul. No ollo humano non hai pigmentos azuis nin verdes.[3][5] A cor dos ollos é un exemplo de cor estrutural (cor causada por interferencias en vez de por pigmentos) e varía dependendo das condicións luminosas, especialmente para os ollos claros.

Os ollos moi coloreados de moitas aves orixínanse pola presenza de diversos pigmentos, como pteridinas, purinas, e carotenoides.[6] Os seres humanos e outros animais presentan moitas variacións fenotípicas na cor dos ollos.[7] A xenética da cor dos ollos é complicada, e a cor está determinada por múltiples xenes (carácter polixénico). Algúns dos xenes para a cor dos ollos son: EYCL1 (un xene para a cor dos ollos verde/azul situado no cromosoma 19), EYCL2 (xene para a cor dos ollos castaña) e EYCL3 (xene para a cor dos ollos castaña/azul localizado no cromosoma 15). Antes pensábase que os ollos azuis eran un carácter recesivo simple, pero hoxe sabemos que iso é incorrecto. A xenética da cor dos ollos é tan complexa que case pode darse calquera combinación de cores pais-fillos.[8][9] O polimorfismo do xene OCA2, próximo á rexión regulatoria proximal 5′, explica a maioría das variacións na cor dos ollos humanos.[10]

Determinación xenética da cor dos ollos

A cor dos ollos varía desde a máis común castaña, á menos común, verde, e é un carácter herdado influenciado por máis dun xene.[11][12] Estes xenes están sendo buscados estudando os pequenos cambios que están presentes nos propios xenes implicados e tamén nos xenes veciños. Estes cambios coñécense como polimorfismos dun só nucleótido ou SNPs. O número exacto de xenes que contribúen a determinar cor aos ollos é actualmente descoñecido, pero hai só unhas poucas posibilidades. Un estudo feito en Rotterdam (2009) atopou que era posible predicir a cor dos ollos cunha exactitude de máis do 90% para o castaño e o azul, utilizando só seis polimorfismos dun só nucleótido (de seis xenes).[13]

O xene OCA2, cando aparece nunha forma variante, orixina os ollos rosa e a hipopigmentación que é común no albinismo humano. (O nome deste xene procede do trastorno que causa, o albinismo oculocutáneo tipo II.) Diversos polimorfismos dun só nucleótido presentes no OCA2 están fortemente asociados cos ollos azuis e verdes e coas variacións en ter máis ou menos pencas na pel, número de lunares, cor do pelo e ton da pel. Os polimorfismos poden aparecer nunha secuencia regulatoria do OCA2, onde poden influír na expresión do produto do xene, o cal á súa vez afecta á pigmentación.[10] Unha mutación específica no xene HERC2, un xene que regula a expresión do OCA2, é parcialmente responsable dos ollos azuis.[14] Outros xenes implicados na variación da cor dos ollos son: SLC24A4 [15] e TYR.[15]

Os ollos azuis con mancha castaña, os ollos verdes, e os grises están causados por partes do xenoma completamente diferentes. Como declarou o investigador Eiberg: "O polimorfismo SNP rs12913832 [do xene Herc2] está asociado coas cores de ollos castaña e azul, pero esta soa variación do ADN non pode explicar todas as variacións da cor dos ollos castaños desde o castaño escuro e abelá aos ollos azuis con manchas castañas."

A cor dos ollos noutros animais está regulada dun xeito diferente. Por exemplo, a cor de ollos autosómica recesiva nos escíncidos da especie Corucia zebrata é o negro (en vez do azul como nos humanos), e a cor autosómica dominante é a amarela verdosa.[16]

Other Languages
العربية: لون العين
تۆرکجه: گؤز بویاغی
bosanski: Boja očiju
dansk: Øjenfarve
Deutsch: Augenfarbe
English: Eye color
Esperanto: Okula koloro
español: Color de ojos
euskara: Begi kolore
فارسی: رنگ چشم
français: Couleur des yeux
hrvatski: Boja očiju
magyar: Szemszín
한국어: 눈 색깔
latviešu: Acu krāsa
Nederlands: Oogkleur
norsk nynorsk: Augefarge
norsk: Øyenfarge
polski: Kolor oczu
português: Cor dos olhos
русский: Цвет глаз
srpskohrvatski / српскохрватски: Boja očiju
Simple English: Eye colour
தமிழ்: கண் நிறம்
Türkçe: Göz rengi
українська: Колір очей
Tiếng Việt: Màu mắt
中文: 眼睛色彩