Condado de Flandres

Extensión do Condado en 1350.

O condado de Flandres foi unha entidade feudal fundada a finais do século IX como dependencia do reino de Francia Occidental (Francia Occidentalis) ou Reino dos Francos occidentais (Regnum Francorum occidentalium), que constituíu a etapa inicial do Reino de Francia (843-987).

Independizouse deste reino en 1302, unídose ao Ducado de Borgoña en 1384. En 1512 integrouse nos Países Baixos españois, pasando a formar parte das Dezasete Provincias en 1549.

Desde 1713 a 1790 foi unha posesión do Imperio austríaco e, en 1790, formou parte dos efémeros Estados Unidos de Bélxica, desaparecendo definitivamente en 1795 coa invasión francesa.

Historia

Primeiros séculos

O condado de Flandres fundouse a finais do século IX como feudatario do reino de Francia Occidental sobre a base das posesións do primeiro conde titular, Balduíno I de Flandres Brazo de Ferro, que abarcaban entón os territorios dos contornos de Bruxas, Gante e Bergues (esta última localidade situada hoxe en Francia).

A súa capital foi primeiramente Bruxas e, despois, Gante.

Os sucesores de Balduíno consolidaron a entidade e ampliaron progresivamente o seu territorio, tras incorporar o condado de Hainaut, gañando en poder e influencia dentro dos países flamengos do Sacro Imperio Romano Xermánico, alcanzando o seu apoxeo económico a mediados do século XII.

Porén, a herdanza da condesa Margarita II de Flandres dividiuse tras unha guerra entre os seus descendentes e, mentres que Hainaut foi reclamado para o condado de Holanda, Flandres sería máis tarde incorporado pola forza ás posesións da coroa de Francia.

Baixo os Habsburgo españois

A finais do século XV, como resultado de diferentes alianzas de familia, o condado de Flandres foi transmitido á casa de Borgoña e, baixo o duque Filipe III de Borgoña, volveu a reunirse co condado de Hainaut.

Estas posesións pasaron á casa de Habsburgo e, entre 1519 e 1700, os reis de España foron tamén titulares do condado de Flandres. Deste xeito, baixo o poder español o condado de Flandres foi un dos territorios que conformaron as Dezasete Provincias.

A Guerra dos Oitenta Anos marcaría o comezo dunha época de pobreza e decadencia para o condado. En 1580 o condado de Flandres incorpórase á Unión de Utrecht, aínda que non se integraría na posterior República das Provincias Unidas.

Baixo os Habsburgo austríacos

Tras a Guerra de Sucesión española, o condado foi ocupado militarmente polas tropas británicas e transferido nominalmente á casa dos Habsburgo de Austria, que o conservaron como título nominal honorífico até 1919.

En 1795 a rexión foi conquistada polos revolucionarios franceses. Porén, tras o Congreso de Viena, en 1815, pasou a formar parte do Reino Unido dos Países Baixos.

Fin do condado

Tras a constitución do reino de Bélxica en 1830, o territorio do condado foi fragmentado desde entón na rexión belga homónima, o Flandres francés ( departamento de Norte) e unha parte da provincia de Zelandia ( Flandres zelandés), ao sur dos Países Baixos.

Other Languages