Colibrí

Troquílidos
Rango fósil: Rupeliano-Actual
Catro colibrís de Trinidad e Tobago
Catro colibrís de Trinidad e Tobago
Clasificación científica
Reino:Animalia
Clase:Aves
Orde:Apodiformes
Familia:Trochilidae
Vigors, 1825
Subfamilias

Phaethornithinae
Trochilinae

Vídeo de colibrís alimentándose a 1500fps

Os colibrís[1] son diminutas aves do continente americano que forman a familia dos troquílidos[2] (Trochilidae). Un dos seus xéneros chámase tamén Colibri, pero colibrís úsase de forma xeral para referirse a todos os membro da familia. Están entre os paxaros máis pequenos, xa que a maioría das especies miden entre 7,5 e 13 cm, e entre eles está a ave existente máis pequena, de só 5 cm e menos de 2,5 g de peso, o Mellisuga helenae.

Ao voaren producen un son rumbante característico xerado polo batido das súas ás, que aletean a altas frecuencias audibles polos humanos. Poden voar peneirándose suspendidos quedos no aire con altas velocidades de batido alar, normalmente de 50 veces por segundo, que lles permiten tamén voar a velocidades que superan os 15 m/s (54 km/h).[3][4]

Os colibrís teñen o metabolismo máis elevado de todos os animais homeotermos.[5] Para conservar a enerxía cando escasea a comida, e de noite cando non están procurando comida, entran nun torpor, un estado similar á hibernación, no que a súa taxa metabólica se fai máis lenta ata chegar a 1/15 da súa taxa normal.[6]

Evolución

Un mapa da árbore xenealóxica da familia dos colibrís reconstruído a partir de análises de 284 das 338 especies coñecidas mostra que houbo unha rápida diversificación desde hai 22 millóns de anos.[7] Os colibrís comprenden nove grandes grupos, cos nomes comúns de Topacios, Ermitáns, Mangos, Brillantes, Coquetos, Patagona, Xemas da montaña, Abellas, e Esmeraldas, que definen as súas relacións con plantas anxiospermas produtoras de néctar e o espallamento continuado das aves en novas áreas xeográficas.[7][8][9][10]

Aínda que todos os colibrís dependen do néctar das flores para subministrar enerxía ao seu alto metabolismo e o seu voo peneiránsose estático, os cambios coordinados na forma das flores e bico estimularon a formación de novas especies de colibrís e plantas. Debido a este excepcional patrón evolutivo, poden coexistir ata 140 especies de colibrís nunha rexión específica, como nos Andes.[7]

A árbore evolutiva dos colibrís mostra que houbo unha separación ancestral dos cirrios insectivoros (familia Apódidos) e o Hemiprocne (familia hemiprócnidos) hai uns 42 millóns de anos, probablemente en Eurasia.[7] Un factor evolutivo clave parece ser que foi a alteración dun receptor do gusto que lles permitiu buscar néctar.[11] Hai uns 22 millóns de anos as especies ancestrais dos actuais colibrís establecéronse en Suramérica, onde as condicións ambientais estimularon unha maior diversificación.[7]

Parece que os Andes foron un ambiente particularmente rico para a evolución dos colibrís, porque a súa diversificación ocorreu simultaneamente coa elevación desa cadea montañosa nos últimos 10 millóns de anos.[7] Os colibrís seguen en diversificación dinámica habitando rexións ecolóxicas de Suramérica, Norteamérica e o Caribe, o que indica que se amplía a súa radiación evolutiva.[7]

Dentro da mesma rexión xeográfica, os clados de colibrís coevolucionaron con clados de plantas que levan néctar, o que afectou aos mecanismos de polinización.[12][13] O mesmo é certo para os Ensifera ensifera, unha das especies morfoloxicamente máis extremas e un dos principais clados de plantas dos que se alimenta (Passiflora sección Tacsonia).[14]

Dimorfismo sexual

Nos colibrís existe dimorfismo sexual en tamaño segundo a regra de Rensch,[15] no cal os machos son menores que as femias nas especies pequenas, pero son máis grandes que as femias nas especies de corpo grande.[16] O grao desta diferenza en tamaño entre sexos varía entre clados de colibrís.[16][17] Por exemplo, os do clado Mellisugini mostra un grande dimorfismo de tamaño, no que as femias son meirandes que os machos.[17] Inversamente, o clado Lophomithini mostra moi pouco dimorfismo en tamaño; os machos e femias son de tamaño similar.[17] Os dimorfismos sexuais no tamaño e forma do bico están tamén presentes entre colibrís machos e femias,[17] onde en moitos clados, as femias teñen bicos máis longos e curvados; os bicos máis curvados facilitan o acceso ao néctar de flores de corola alta.[18] En machos e femias do mesmo tamaño corporal, as femias adoitan ter bicos máis longos.[17]

As diferenzas en tamaño e no bico entre sexos evolucionaron probablemente debido a restricións impostas polo cortexo, porque as exhibicións de apareamento do colibrí macho requiren manobras aéreas complexas e son costosos en gasto de enerxía.[15] Os machos tenden a ser menores que as femias, o que lles permite conservar enerxía para buscar alimento competitivamente e participar máis frecuentemente nos cortexos.[15] Dese xeito, a selección sexual favorece machos de colibrí máis pequenos.[15]

Os colibrís femias, como adoitan ser máis grandes, requiren máis enerxía, e os seus bicos máis longos facilitan unha busca de néctar máis efectiva entre as gretas das flores de corola alta.[18] Así, as femias son mellores buscando comida, obtendo néctar e soportando as demandas enerxéticas do seu maior tamaño corporal.[18] A selección direccional favorece así os colibrís máis grandes na obtención de alimento.[16]

Outra causa evolutiva deste dimorfismo sexual no bico é que o que o impulsa son as forzas selectivas da competición polo néctar entre os sexos de cada especie.[17] Dependendo de cal sexo sexa o que mantén o territorio nas especies, é vantaxoso no outro sexo ten un peteiro máis longo e poder alimentarse nunha gran variedade de flores, diminuíndo a competición intraespecífica.[18] Por exemplo, en especies de colibrís nas que os machos teñen bicos máis longos, os machos non manteñen un territorio específico e teñen un sistema de apareamento tipo lek.[18] En especies nas que os machos teñen bicos máis curtos que as femias, os machos defenden os seus recursos e, por tanto, as femias deben ter un bico máis longo para alimentarse dunha variedade máis ampla de flores.[18]

Nos machos que chegan á madurez dunha especie, Phaethornis longirostris, parece que evolucionou na punta do seu bico unha arma parecida a unha daga como un trazo de dimorfismo sexual secundario para defender as áreas de apareamento.[19]

Coevolución con flores ornitófilas

Eulampis jugularis alimentándose nunha flor.

Os colibrís son nectarívoros especializados[20] e están ligados a plantas con flores ornitófilas das cales se alimentan. Algunhas especies, especialmente as que teñen formas do bico pouco comúns, como o Ensifera ensifera e os do xénero Eutoxeres, coevolucionaron cun pequeno número de especies florais. O Mellisuga helenae (a ave máis pequena coñecida) evolucionou cara ao ananismo probablemente porque tiña que competir cos colibrís de bico longo tomando vantaxe de alimentarse de néctar de flores especializadas, o que levou a estes colibrís a competir máis exitosamente cos insectos que se alimentan de flores.[21][22]

Moitas plantas polinizadas polos colibrís producen flores con tons vermellos, laranxas, e rosas, aínda que as aves toman o néctar de flores doutras cores tamén. Os colibrís poden ver as lonxitudes de onda correspondentes á luz ultravioleta próxima, pero as flores polinizadas por colibrís non reflicten esas lonxitudes de onda tanto coma o fan as flores polinizadas por insectos. Este estreito espectro de cor pode facer que as flores polinizadas por colibrís pasen relativamente desapercibidas para a maioría dos insectos, reducindo así o roubo de néctar por parte destes.[23][24] As flores polinizadas por colibrís producen tamén un néctar relativamente pouco concentrado (como media co 25% de azucres) no que hai unha alta proporción de sacarosa, mentres que as flores polinizadas por insectos normalmente producen néctares máis concentrados nos que predomina a frutosa e glicosa.[25]

Other Languages
Afrikaans: Kolibrie
العربية: طنان (طائر)
asturianu: Trochilidae
Aymar aru: Luli
azərbaycanca: Kolibrilər
تۆرکجه: کولیبریلر
беларуская: Калібры
български: Колиброви
brezhoneg: Trochilidae
bosanski: Kolibri
català: Colibrís
Cebuano: Trochilidae
ᏣᎳᎩ: ᏩᎴᎳ
Tsetsêhestâhese: Ma'kaataevé'késo
čeština: Kolibříkovití
kaszëbsczi: Kòlibrë
Cymraeg: Aderyn y si
dansk: Kolibrier
Deutsch: Kolibris
English: Hummingbird
Esperanto: Kolibro
español: Trochilidae
euskara: Kolibri
فارسی: مرغ مگس
suomi: Kolibrit
français: Trochilidae
Frysk: Kolibrys
Gaeilge: Dordéan
Gàidhlig: Drannd-eun
Avañe'ẽ: Mainumby
עברית: קוליבריים
hrvatski: Kolibrići
Kreyòl ayisyen: Zwazo mouch
հայերեն: Կոլիբրի
interlingua: Trochilidae
Bahasa Indonesia: Kolibri
íslenska: Kólibrífugl
italiano: Trochilidae
日本語: ハチドリ
Basa Jawa: Kolibri
ქართული: კოლიბრები
қазақша: Колибри
한국어: 벌새
Кыргызча: Колибрилер
лезги: Колибри
Lingua Franca Nova: Colibri
lietuvių: Kolibriniai
latviešu: Kolibri
македонски: Колибри
кырык мары: Колибри
Bahasa Melayu: Burung Madu
Nāhuatl: Huitzilli
Nederlands: Kolibries
norsk nynorsk: Kolibriar
norsk: Kolibrier
Diné bizaad: Dahiitį́hii
ਪੰਜਾਬੀ: ਹਮਿੰਗ ਪੰਛੀ
polski: Kolibrowate
پنجابی: پدی چڑی
پښتو: شکرخوره
português: Beija-flor
Runa Simi: Q'inti
română: Colibri
русский: Колибри
srpskohrvatski / српскохрватски: Kolibri
Simple English: Hummingbird
slovenčina: Kolibríkovité
slovenščina: Kolibriji
shqip: Kolibri
српски / srpski: Колибри
Basa Sunda: Kolibri
svenska: Kolibrier
Kiswahili: Kolibri
Tagalog: Trochilidae
Türkçe: Sinek kuşu
українська: Колібрієві
Tiếng Việt: Họ Chim ruồi
Winaray: Trochilidae
中文: 蜂鸟
粵語: 蜂鳥