Ciclo menstrual

Ciclo menstrual.

O ciclo menstrual é o conxunto de cambios fisiolóxicos dunha muller fértil que teñen como obxecto facilitar a reprodución sexual e fertilización do óvulo. Os cambios afectan o estado dos ovarios, útero e outros órganos, están controlados hormonalmente e teñen unha periodicidade aproximadamente mensual. Os contraceptivos hormonais interfiren cos cambios hormonais do ciclo para así impediren a concepción.

O ciclo menstrual divídese xeralmente en tres fases: a fase folicular, a fase ovulatoria (ovulación) e a fase lútea; aínda que outras fontes falan de fase de menstruación, proliferativa e secretora.[1] O ciclo menstrual empeza a contarse desde o primeiro día de sangrado menstrual.

Despois da menstruación o estímulo de cantidades gradualmente maiores de estróxenos na fase folicular fai que o fluxo da menstruación se faga menor e se deteña, e que o endometrio que reviste o útero engrose. Os folículos ováricos empezan a desenvolverse baixo a influencia dunha complexa interacción de varias hormonas, e despois de varios días un deles (ocasionalmente dous) faise dominante, entanto que o resto dos folículos (non dominantes) que se empezaron a desenvolver se atrofia e morren. Aproximadamente á metade do ciclo, entre 24 e 36 horas despois de que apareza un pico de hormona luteinizante (LH), o folículo dominante libera un óvulo, fenómeno denominado ovulación. Despois da ovulación, o óvulo só vive 24 horas ou menos se non é fertilizado, e os restos que quedan do folículo que ovulou convértense no corpo lúteo. O corpo lúteo ten como misión principal a produción de grandes cantidades da hormona proxesterona. Baixo a influencia da proxesterona, o endometrio (revestimento uterino) sofre unha serie de cambios para prepararse para unha posible implantación do embrión e o establecemento do embarazo. Se non ten lugar a implantación nun prazo de dúas semanas, o corpo lúteo dexenera, causando unha aguda caída dos niveis de proxesterona e estróxenos, e isto provocará o desprendemento da capa superficial do endometrio e o sangrado, proceso chamado menstruación, que dá comezo a un novo ciclo.

No ciclo menstrual os cambios que se observan afectan a diversas partes do aparato reprodutor feminino, mais tamén a outros aparatos (cambios nos peitos ou no estado de ánimo, por exemplo).

Menarquia e menopausa

A primeira menstruación dunha muller denomínase menarquia, e ocorre xeralmente entre os 12-13 anos como media. Por exemplo, segundo un estudo de 2008 a idade media da menarquia en España era de 12,43 anos[2], e un estudo de 1980 indica que en Galicia a menarquia producíase como media aos 12,7 anos (e algo antes nas zonas urbanas ca nas zonas rurais) [3] ; dita media en EEUU é de 12,5 anos,[4] en Canadá de 12,72,[5] en Reino Unido de 12,9 anos [6] e en Islandia de 13,06 ± 0,10 anos.[7] Factores como a herdanza xenética, dieta e saúde xeral poden acelerar ou atrasar a menarquia.[8]

O fin da fase reprodutiva dunha muller denomínase menopausa, que ten lugar xeralmente entre os 45 e 55 anos. A media nos países industrializados é de 52 anos e a menopausa antes dos 45 considérase prematura.[9] A idade da menopausa está en gran medida influída por factores xenéticos, pero as enfermidades, certas operacións cirúrxicas ou tratamentos médicos poden causar que a menopausa apareza antes.[10]

Other Languages
Alemannisch: Menstruationszyklus
العربية: دورة شهرية
azərbaycanca: Heyz
français: Cycle menstruel
हिन्दी: मासिक धर्म
Kreyòl ayisyen: Sik menstriyèl
italiano: Ciclo mestruale
ಕನ್ನಡ: ಋತುಚಕ್ರ
한국어: 월경 주기
Bahasa Melayu: Kitaran haid
Nederlands: Menstruatiecyclus
português: Ciclo menstrual
Runa Simi: K'ikuy
română: Ciclu menstrual
srpskohrvatski / српскохрватски: Menstrualni ciklus
Simple English: Menstrual cycle
slovenščina: Menstruacijski ciklus
Basa Sunda: Siklus ménstruasi
తెలుగు: ఋతుచక్రం
татарча/tatarça: Менструаль цикл
Tiếng Việt: Chu kỳ kinh nguyệt
中文: 月經週期