Chocolate quente

Cuncas de chocolate mesto, como se adoita servir en Galicia.

O chocolate quente é unha bebida mesta que se fai desfacendo en leite quente chocolate de facer[1], produto obtido a partir da mestura de cacao, manteiga de cacao, azucre e fariña ou amidón. Pódeselle engadir nata batida e especias doces como canela ou cravo. O chocolate quente é unha bebida tradicional de Galicia[2].

Historia

Véxase tamén: Chocolate.

As primeiras árbores do cacao (en singular, cacahuaquahitl) medraban de xeito natural nas zonas sombrizas dos matos tropicais das concas do Amazonas e do Orinoco, hai uns 4.000 anos. Os primeiros cultivadores foron ou ben os olmecas, hai tres mil anos, que ocupaban unha área de selvas tropicais ao sur de Veracruz, no golfo de México, ou ben os maias ao norte de Guatemaa. Estes, contra o século IV a. C., varios séculos despois da desaparición dos olmecas, establecéranse nunha vasta rexión ao sur do México actual, que se estende dende a península de Iucatán en América Central ao longo da rexión de Chiapas e a costa de Guatemala no Pacífico. Os maias chamaban á árbore do cacao cacahuaquchtl. O cacao era para eles símbolo de vida e fertilidade.

Os maias crearon unha beberaxe agre feita de sementes de cacao que consumían exclusivamente os reis e os nobres e tamén usada para dar solemnidade a determinados rituais sagrados. Nos seus libros, os maias describen diversas formas de elaborar e perfumar a bebida: máis líquido ou máis mesto, con máis ou menos escuma, con aditivos como chile picante...

O chocolate usábase con fins terapéuticos. Os feiticeiros mais prescribían o consumo de cacao tanto como estimulante como polos seus efectos calmantes. Os guerreiros consumíano coma unha bebida reconstituínte, e a manteiga de cacao era usada coma ungüento para sandar feridas. Era tamén usado coma moeda. A bebida foi coñecida polos descubridores españois e foron eles os primeiros en servilo quente, adozalo con azucre de cana, tralo seu descubrimento trasladouse a España e alí tornouse moi popular (véxase: Chocolate), tralo seu ingreso en España aos pouco foise trasladando a diversos países europeos.

En Galicia sábese que o chocolate se consome dende o século XVII, cando é nomeado por vez primeira en escritos en lingua galega sobre os costumes dos aldeáns. Frei Martín Sarmiento xa escribía en 1746: ...inda que tomaron mui quente e fervendo muito chicolate...[3] Todas as casa, humildes e podentes, tiñan unha chocolateira, unha pota de barro cun asa que se apoiaba na trepia, na lareira para ferver o chocolate de facer con leite.

Lenda

Segundo a lenda, o deus Quetzalcóatl (representado polos mortais como 'a serpe emplumada') baixou dos ceos para transmitir sabedoría aos homes e tróuxolles un agasallo: a planta do cacao. Seica, os outros deuses non lle perdoaron que dese a coñecer un alimento divino e vingáronse desterrándoo: foi expulsado das súas terras polo deus Tezcatlipoca. Outra versión conta que Quetzalcóatl era un deus bondadoso que estaba enfrontado a Tezcatlipoca, o deus cruel; este puido máis ca el e condenouno ao desterro. Sexa como for a historia, o certo é que antes de se marchar prometeu volver por onde sae o sol no ano ce-acatl, segundo o calendario azteca, o que despois se asociou coa chegada de Hernán Cortés.

Other Languages
azərbaycanca: Kakao (içki)
беларуская: Гарачы шакалад
беларуская (тарашкевіца)‎: Гарачы шакаляд
български: Горещ шоколад
বাংলা: হট চকলেট
English: Hot chocolate
eesti: Kakao
فارسی: شکلات داغ
français: Chocolat chaud
Gaeilge: Seacláid the
עברית: שוקולטה
Bahasa Indonesia: Cokelat panas
한국어: 핫초콜릿
Lëtzebuergesch: Schockelaskaffi
Bahasa Melayu: Coklat panas
ਪੰਜਾਬੀ: ਗਰਮ ਚਾਕਲੇਟ
português: Chocolate quente
Runa Simi: Kakawa upyana
Simple English: Hot chocolate
српски / srpski: Топла чоколада
svenska: Chokladdryck
ślůnski: Gorko szekulada
українська: Какао (напій)
Tiếng Việt: Sô-cô-la nóng
中文: 热巧克力