Central nuclear de Vandellòs

Central de Vandellòs

A central nuclear de Vandellòs é unha central nuclear española situada no termo municipal de Vandellòs i l'Hospitalet de l'Infant, na provincia de Tarragona. Inicialmente constaba de dous reactores: Vandellòs I e Vandellòs II, dos cales o primeiro foi clausurado en 1989 despois dun incendio nunha das turbinas e atópase en proceso de desmantelamento.

Vandellòs I

Vandellòs I achegaba 480 MW de potencia, conectados á rede eléctrica o 6 de marzo de 1972. [1] Constaba dun reactor de tipo GCR ( grafito- uranio natural) e refrixerada por gas, o único deste tipo construído en España. [2] Era propiedade da compañía Hispano-Francesa de Enerxía Nuclear, S. A. (HIFRENSA), e durante os seus 17 anos de actividade xerou un total de 55.647 GWh. [1]

Incidentes e desmantelamento

O 19 de outubro de 1989 declarouse un incendio na zona de turbinas, cualificado a posteriori como incidente de nivel 3 na escala INES ("incidente importante"), é dicir, non provocou emisión de radioactividade ao exterior. O elevado custo das medidas esixidas polo organismo regulador español, o Consello de Seguridade Nuclear, para corrixir as irregularidades detectadas fixeron que a empresa explotadora decidise o seu peche definitivo.

Na actualidade a central atópase parcialmente desmantelada, encontrándose na denominada fase 2. Durante a primeira fase (1991-1997) realizouse a descarga do reactor e a evacuación de combustible gastado, o acondicionamento dos residuos de operación e a extracción e preacondicionamento dos residuos depositados nos silos de grafito. Ademais, realizáronse algunhas desmontaxes convencionais como as dos depósitos de dióxido de carbono e os grupos turboalternadores principais. [1]

A segunda fase desenvólvese xa unicamente baixo a autoridade de Enresa, que pasou a ser a propietaria das instalacións. Nesta segunda fase, desmanteláronse todas as estruturas, sistemas e compoñentes agás o caixón do reactor, liberando a maior parte da localización e mantendo o resto como zona regulamentada, co caixón do reactor confinado e cuberto por unha estrutura de protección de intemperie de nova construción. O caixón do reactor, que é agora a única estrutura que queda en pé, e que inclúe o reactor, xa descargado, xunto ás súas estruturas internas e sistemas de control foron preparados para pasar a un estado de espera e decaemento denominado fase de latencia. Este proceso durará 25 anos. A fase de latencia comezou en 2003, polo que en 2028 se procederá ao executar o nivel 3, que consiste no desmantelamento do caixón do reactor para liberar totalmente a localización. Durante o período de latencia o caixón permanecerá encerrado nun revestimento, realizado en aceiro galvanizado, que queda separado 1,5 metros do caixón, arranca na cota +16 e elévase 6 metros por enriba da lousa do caixón, na cota +63, onde se colocou unha cuberta. O peso desta estrutura é de 350 toneladas e está deseñada para aguantar refachos de ventos a máis de 200 km/h e precipitacións de 140 l/m².