Cantigas de Santa María

Ilustración dun dos códices das Cantigas de Santa María.

As Cantigas de Santa María son un conxunto de catrocentas vinte e sete composicións en galego-portugués, que no século XIII era a lingua fundamental da lírica culta en Castela. Atópanse repartidas en catro manuscritos, un deles na Biblioteca Nacional en Madrid (códice To, por Toledo), dous en San Lorenzo de El Escorial (códices E e T) e o cuarto en Florencia (códice F). A colección mariana data de entre os anos 1270 e 1283. A obra conxuga o marioloxio, é dicir, o devezo de configurar unha auténtica compilación dos milagres marianos, coa proxección político-cultural. O rei procurou tanto o carácter enciclopédico da súa obra como que esta se convertese nun traballo de referencia en todo o espazo peninsular e máis aló dos límites deste, adquirindo, deste xeito, un prestixio internacional. [1]

Autoría

Afonso X coa súa corte poético-musical.

A cuestión da autoría non está resolta aínda. Existen dúbidas sobre a autoría directa de Afonso X o Sabio ( 1221- 1284), rei dende 1252, pero ninguén dubida da súa participación directa como compositor en bastantes delas. W. Mettmann, autor dunha edición crítica dos textos das cantigas, cre que ao poeta e trobador galego Airas Nunes se poden atribuír moitas delas. Para un gran número de expertos, o rei, se ben pode ser o autor directo dunha certa cantidade de textos, operaría no conxunto da obra ao xeito dun arquitecto, director de todo o traballo. Porén, outros analistas consideran que Afonso X ben puido levar adiante el só todo o labor de composición, o que non descarta a presenza dun amplo grupo de colaboradores que reunisen materiais para o monarca [2]. En todo caso, e dado que é visíbel nun bo número destas composicións —Jesús Montoya, Xosé Ramón Pena...— un afán propagandístico por parte de Afonso X, a participación do monarca tivo que ser sempre moi activa.