Boston Bruins

Boston Bruins
PJ Axelsson.jpg
Fundación1924
SedeSeal of Boston, Massachusetts.svg Boston,
Flag of Massachusetts.svg Massachusetts
Estados Unidos de América Estados Unidos
CanchaTD Garden
(17.565 espectadores)
LigaNational Hockey League
ConferenciaLeste
DivisiónAtlantic
Campionatos6 (1928-29, 1938-39, 1940-41, 1969-70, 1971-72, 2010-11)
AdestradorFlag of Canada.svg Bruce Cassidy
DirectorFlag of Canada.svg Don Sweeney
Propietario(S)Flag of the United States.svg Delaware North Companies (Jeremy Jacobs, presidente)
Equipo(s) afiliado(s)Providence Bruins (AHL)
Atlanta Gladiators (ECHL)
CoresNegro, ouro, branco
                 
Sitio web
Sitio web oficial

Os Boston Bruins son un equipo profesional de hóckey sobre xeo da cidade de Boston, Massachusetts (Estados Unidos). Os Bruins compiten na máxima competición de hóckey sobre xeo en América do Norte, a National Hockey League (NHL), estando encadrados na Atlantic División da Conferencia Leste. Dende 1995 xogan os seus partidos como local no TD Garden. O equipo gañou a Copa Stanley en seis ocasións, a última delas en 2011, ademais de gañar un dúas ocasións o Presidents' Trophy e en 17 o Prince of Wales Trophy.

Fundados en 1924, os Boston Bruins son unha das franquías máis antigas da NHL que seguen activas,[nota 1] formando parte entre 1942 e 1967 do denominado Original Six xunto cos estadounidenses Chicago Blackhawks, New York Rangers e Detroit Red Wings, e os canadenses Montreal Canadiens e Toronto Maple Leafs. Foron o primeiro equipo da NHL en instalarse nunha cidade dos Estados Unidos, e tan só os Canadiens e os Maple Leafs (daquela chamados St. Patricks), son anteriores aos Bruins. Dende a súa primeira tempada (1924-25), os Bruins teñen disputado dezaoito veces a final da Copa Stanley, conseguindo o campionato en seis ocasións os anos 1929, 1939, 1941, 1970, 1972 e 2011. Os seus rivais históricos son os Montreal Canadiens, quen os derrotaron en todas as ocasións nas que os dous equipos se encontraron na final.

Máis de oitocentos xogadores diferentes teñen vestido as cores negra, dourada e branca dos Bruins dende os inicios do equipo, e máis de cincuenta personalidades do equipo forman parte do Hockey Hall of Fame. Este é o caso de: «Ray» Bourque (tamén o xogador con máis puntos da historia do equipo), Robert «Bobby» Orr, Phil Esposito, Tiny Thompson ou Cam Neely. O cadro de xogadores actual está adestrado polo canadense Bruce Cassidy e está liderado polo capitán eslovaco Zdeno Chára.

Historia

Primeiros anos

A orixe dos Boston Bruins remóntase a marzo de 1924[1] cando Charles Adams, propietario dunha cadea de tendas en Boston,[2] comezou os contactos coa National Hockey League, ata entón limitada ao Canadá, para lograr unha franquía, o que se acordou no verán[3] por 15.000 dólares polos dereitos da NHL na cidade estadounidense.[4] Deste xeito, os Boston Bruins comezaron a competir na oitava tempada da NHL, a 1924-25, sendo unha das dúas novidades da liga xunto cos Montreal Maroons.[5]

Para afrontar a primeira tempada da nova franquía, Adams contratou a Art Ross, que viña de adestrar aos Hamilton Tigers.[6] O primeiro partido do equipo disputouse na tarde do 1 de decembro de 1924 contra os Maroons, sendo tamén o primeiro partido da historia da NHL fóra do Canadá, no que os Bruins gañaron por 2 goles a 1,[7] conseguindo o primeiro gol da franquía Smokey Harris.[8] Finalmente o equipo finalizaría a tempada na derradeira praza con só seis vitorias.[9] Porén a situación cambiaría na tempada 1926-27, cando Adams contratou sete xogadores da extinta WCHL, entre eles Eddie Shore e Harry Oliver, o que lles permitiu chegar á final da Copa Stanley contra o mellor equipo da tempada regular, os Ottawa Senators, que finalmente lograron facerse coa copa.[10]

Photo noir et blanc de Denneny en tenue de hockeyeur.
Cy Denneny, adestrador-xogador dos Bruins en 1928-1929.

A tempada 1928-29 supuxo o traslado do equipo ao Boston Garden, e estivo marcada pola chegada de Cy Denneny, considerado na época o mellor goleador da historia da NHL,[nota 2] procedente dos Ottawa Senators,[11] que exerceu como xogador e como adestrador, e a fichaxe de Cecil «Tiny» Thompson (Minneapolis Millers). Xunto a eles chegarían para reforzar ao equipo Mickey MacKay ( Pittsburgh Pirates), Myles Lane (New York Rangers), e Bill Carson (Toronto Maple Leafs). Con estes reforzos, os Bruins conseguiron clasificarse para as semifinais da Copa Stanley, onde se enfrontaron aos Montreal Canadiens, aos que derrotaron en tres partidos para clasificarse para a final da Copa Stanley fronte aos Rangers na que foi a primeira final da NHL sen representantes do Canadá. Na final os Bruins impuxéronse en dous partidos aos neoiorquinos, gañando o segundo partido no Madison Square Garden, onde Bill Carson meteu o gol que daría a vitoria e a primeira Copa Stanley aos de Boston.[12] Na seguinte tempada os Bruins chegarían novamente á final, mais caeron en dous partidos fronte aos Canadiens.[13] Esta derrota iniciou un período de oito tempadas nas que os de Boston non foron quen de pasar a primeira eliminatoria dos play-offs, e mesmo non se clasificaron para as series finais nas tempadas 1931-32 e 1933-34, finalizando esas dúas tempadas na derradeira posición da súa división.[14]

A dinámica negativa dos Bruins nas series finais mudou radicalmente na tempada 1938-39, cando logo de finalizar unha liga regular sen divisións, os Bruins se enfrontaron ao segundo clasificado (New York Rangers) nunhas semifinais ao mellor de sete encontros, gañando finalmente os de Boston por 4 partidos a 3.[15] Os Bruins encontrábanse ante a súa cuarta final da Copa Stanley, na que se tiñan que enfrontar aos terceiros clasificados da liga regular, os Maple Leafs; logo de gañar un partido cada un en Boston, os Bruins gañaron os dous partidos disputados en Toronto, situando o 3-1 na eliminatoria, que viaxaba agora a Boston, finalmente os Bruins gañaron o quinto partido e fixéronse coa súa segunda Copa Stanley, a única gañada polo equipo baixo a dirección de Art Ross nas 16 tempadas que o canadense adestrou aos Bruins.[16][nota 3]

Na tempada 1939-40, malia finalizar na primeira posición da liga, os Bruins caeron na primeira rolda das series eliminatorias fronte aos Rangers, que finalmente gañarían a súa terceira Copa Stanley.[17] A tempada seguinte supuxo a consecución do terceiro campionato ligueiro para os Bruins; malia teren comezado mal a tempada, o equipo conseguiu encadear 21 vitorias dende o 21 de decembro de 1940, con 10 empates e unha soa derrota, para finalizar a liga regular na primeira posición. Nas semifinais enfrontáronse aos segundos clasificados, os Toronto Maple Leafs, aos que derrotaron por 4 partidos a 3 logo de remontar unha eliminatoria que se puxera de cara para os canadenses logo do quinto partido (3-2). Na final de 1941 a franquía de Boston enfrontábase aos Red Wings de Detroit, que finalizaran na terceira posición da liga regular a 14 puntos dos Bruins, que se farían co título de liga sen perder ningún partido, levando así a terceira Copa Stanley a Boston.[18]

Os anos do Original Six

Despois de gañar a terceira Copa Stanley para os Bruins, Cooney Weiland deixou o equipo e Ross tivo que volver ao banco dos Bruins unha vez máis. As consecuencias económicas da Gran Depresión e da Segunda Guerra Mundial fixeron que tres dos dez equipos que integraban a liga ( Ottawa Senators, Pittsburgh Pirates e Vancouver Maroons) desapareceran durante os anos 1930, e na 1942-43 os New York Americans finalizaron as súas actividades, o que fixo que a NHL iniciara un período de vinte e cinco anos coñecido como a "era dos seis equipos orixinais da NHL" ou dos "Original Six", unha liga de seis: Canadiens, Maple Leafs, Red Wings, Rangers, Black Hawks e os Bruins.[19]

A tempada 1944-45 foi a derradeira de Ross como adestrador dos Bruins, logo dun total de 219 partidos á cabeza da franquía repartidos en catro períodos, cedendo a súa praza a Dit Clapper quen ocupou o dobre posto de adestrador-xogador. Co remate da guerra volveron antigos xogadores na tempada 1945-46, o que non impediu que os de Boston perderan na final fronte aos Canadiens, resultados que non mellorarían nos seguintes anos, colleitando os Bruins tres derrotas na primeira rolda dos play-offs nas seguintes tres tempadas.

En 1948 dous xogadores dos Bruins protagonizaron un escándalo. A NHL logrou probas por medio de escoitas da policía de que Billy Taylor, adquirido polos Bruins en 1947 procedente dos Red Wings, e Gallinger tiñan relacións cun corredor de apostas e que os dous apostaran polos Bruins.[20] Como resultado, o presidente da NHL Clarence Campbell suspendeunos de por vida.[21]

Milt Schmidt, membro do Hockey Hall of Fame e capitán dos Bruins a principios dos anos 1950.

Dende a marcha de Clapper fóronse sucedendo varios adestradores no banco dos Bruins, mais ningún conseguiu levar á franquía á consecución dun novo título de liga. Na tempada 1949-50 entrou Buck Boucher como novo adestrador, mais non foi quen de clasificar o equipo para as series. Lynn Patrick substituíuno nas tempadas seguintes, logrando meter os Bruins de novo nunha final, na tempada 1952-53, que gañaron os Canadiens.

En 1954, despois de 30 anos á cabeza dos Bruins, Art Ross cedeu o seu posto de director xeral a Lynn Patrick, quen nomeou como adestrador a Milt Schmidt. Baixo a súa dirección, os Bruins chegaron a dúas finais consecutivas, na tempada 1956-57 e 1957-58, as dúas perdidas fronte a Montreal. Logo desta última final, os Bruins conseguiron clasificarse para os play-offs grazas ao seu segundo posto na liga regular, mais caeron na primeira rolda fronte aos Maple Leafs por 3 partidos a 4, que perderían a final fronte aos Canadiens por 4-1.[22]

A partir de 1959 os Bruins entraron nunha dinámica perdedora. Na tempada 1960-61 os Bruins remataron os derradeiros, con só 14 vitorias en 70 partidos. Na tempada seguinte entrou Phil Watson para dirixir o banco, que só permaneceu pouco máis dunha tempada, volvendo Schmidt ao posto. Na tempada 1966-67, o equipo de Schmidt realizou unha mala tempada e no medio da mesma substituíuno Harry Sinden, non obstante os Bruins volveron quedar os últimos da liga por sexta volta nas últimas sete tempadas, e por oitava volta consecutiva non se clasificaron para as eliminatorias[23]

A expansión de 1967 poría fin á era do Original Six, unha etapa na que a franquía de Boston non foi quen de conseguir ningún título, en parte motivado pola política da liga para que os equipos adquiriran novas promesas, xa que segundo as normas da NHL, un equipo tiña dereitos exclusivos á hora de fichar a un xogador promesa se este se encontraba dentro dunha área de 50 millas de distancia desde a sede da franquía (se o xogador estaba fora desta área podía negociar con calquera equipo),[24] o que beneficiou aos equipos do Canadá, xa que a maior parte dos xogadores eran desa nacionalidade, e aos Detroit Red Wings, que podían dispoñer de dereitos exclusivos sobre xogadores do sur de Ontario; esta medida tamén limitou os traspasos entre as franquías.[25]

A era Orr-Esposito

Bobby Orr en 2010.
Bobby Orr en 2010.
Phil Esposito en 1969.
Phil Esposito en 1969.


En 1967 a NHL pasou de seis a doce franquías, os novos equipos foron Minnesota North Stars, Los Angeles Kings, Oakland Seals, Philadelphia Flyers, Pittsburgh Penguins e St. Louis Blues. Estes novos equipos tiveron o dereito de elixir vinte xogadores entre os seis equipos orixinais, que tiñan pola súa banda o dereito a "protexer" os seus mellores doce xogadores.[26] Os Kings e os Penguins escolleron dous xogadores dos Bruins, os North Stars e os Seals tres, os Blues catro e os Flyers oito.[27] As seis novas franquías axuntáronse na división oeste mentres os seis equipos orixinais formaron a división leste.[26]

O 15 de maio de 1967 o novo director xeral dos Bruins, Milt Schmidt, obtivo a Phil Esposito, Ken Hodge e Fred Stanfield dos Black Hawks en troco de Pit Martin, Jack Norris e Gilles Marotte.[28] A chegada destes novos xogadores marcou a volta dos Bruins ás series eliminatorias tras oito anos de fracaso. Na tempada 1967-68 remataron en terceiro lugar da súa división tras os Canadiens e os Rangers,[29][30] e na tempada seguinte, por detrás de Montreal.[31] Nesas dúas tempadas foron os Canadiens os encargados de eliminalos da Copa Stanley; en 1968 Montreal gañou 4-0 na primeira rolda das series e en 1969 os Bruins, tras derrotar aos Maple Leafs, quedaron eliminados en seis partidos, tres perdidos na prolongación.[32]

A tempada 1969-70 supuxo a consecución dunha nova Copa Stanley para a franquía de Boston. Nesta tempada, o equipo dirixido por Harry Sinden realizou un inicio de liga regular case perfecto, mais a remontada final dos Blackhawks (gañaron os seus últimos 26 partidos) relegaron aos Bruins ao segundo posto da liga cos mesmos puntos que os de Chicago pero con 5 vitorias menos.[30][33] Nos play-offs enfrontáronse na primeira rolda aos Rangers, derrotando aos neoiorquinos por 4 partidos a 2, dándolles o paso ás semifinais contra os Blackhawks, aos que derrotarían por un contundente 4-0. Deste xeito os Bruins chegaban á súa 11ª final da Copa Stanley, na que se enfrontarían ao campión da división oeste, os St. Louis Blues, mais con 13 puntos menos que os Bruins na liga regular. Finalmente os Bruins imporíanse tamén por 4-0 aos Blues e alzarían a súa cuarta Copa Stanley.[30][34] Bobby Orr foi nomeado mellor xogador da tempada na NHL, mentres que Phil Esposito encabezou as estatísticas en goles, asistencias e puntos.[34] Na tempada seguinte, malia conseguir a primeira posición na liga regular con 57 vitorias en 78 partidos, os Bruins caeron na primeira rolda dos play-offs fronte aos Montreal Canadiens en sete partidos.[35][36]

Na tempada 1971-72 chegou a quinta Copa Stanley para o equipo de Boston. Logo de conseguir o campionato da liga regular con 119 puntos (54 vitorias, 13 derrotas e 11 empates), os Bruins enfrontáronse aos Maple Leafs (cuartos na división leste da liga regular, con 29 puntos menos que os Bruins), impoñéndose aos canadenses por 4-1. Nas semifinais tíñanse que enfrontar aos St. Louis Blues (que viñan de derrotar aos Minnesota North Stars en sete partidos), impoñéndose por un contundente 4-0. Na final da liga enfrontáronse os Bruins e os Rangers, impoñéndose os de Boston en seis partidos.[37][38] Novamente Orr e Esposito lideraron a liga en puntos (116 e 133 respectivamente).[30][39]

Entre 1973 e 1975 Orr e Esposito repartíronse os galardóns individuais da liga, e mesmo na tempada 1973-74 catro xogadores de Boston remataron dentro dos primeiros puntuadores da liga, con Ken Hodge e Wayne Cashman situados no terceiro e cuarto lugar.[40][41] Malia estes bos resultados individuais, a franquía non conseguiu ningún título máis na década de 1970.

Na tempada 1975-76 os Bruins traspasaron a Esposito e Carol Vadnais aos Rangers a cambio dos defensores Brad Park, Joe Zanussi, así como tamén o central Jean Ratelle,[42] mentres que Orr perdeu case a totalidade da tempada por mor de dúas operacións nos xeonllos, e rematada a tempada marchou aos Blackhawks.[43] Malia a marcha das súas dúas estrelas, os Bruins conseguiron chegar á final da Copa Stanley ao ano seguinte, caendo fronte aos Canadiens por 4-0.[44] A mesma historia repetiríase ao ano seguinte, cando os Bruins gañaron novamente a súa división e chegaron á final da liga fronte aos canadenses, caendo en seis partidos no que sería a sétima derrota dos de Boston nunha final fronte aos de Montreal noutras tantas ocasións.[45] Logo da fusión da NHL coa WHA e do draft que lle seguiu ao final da tempada, a primeira elección dos Bruins foi a do defensor Raymond Bourque, procedente dunha liga xuvenil de Québec, e que se ía converter no sucesor de Bobby Orr no posto.

Anos 1980 e 1990

Entre 1980 e 1987, os Bruins clasificáronse en cada tempada para os play-offs, mais tan só chegaron nunha ocasión á final da Copa Stanley. Despois de chegar á final da conferencia en 1983, foron eliminados catro anos seguidos polos Canadiens logo do primeiro partido de series; en quince encontros disputados entre as dúas formacións, os Bruins só gañaron dous. En 1988 despois de derrotar aos Sabres, enfrontáronse de novo aos Canadiens, perderon o primeiro partido por 5-2 mais gañaron os catro seguintes, logrando eliminar aos de Montreal por primeira volta desde 1943. Gañaron logo contra os New Jersey Devils e caeron na final fronte aos Edmonton Oilers de Wayne Gretzky, que gañaron a súa cuarta copa en cinco anos. Despois dunha nova eliminación polos Canadiens en 1989 enfrontáronse de novo aos Oilers na final en 1990, gañando o equipo de Edmonton a súa quinta Stanley en sete anos. Nas tempadas 1990-91 e 1991-92, os Bruins eliminaron aos Canadiens na final da división pero nas dúas perderon diante os Penguins na final da conferencia,[46][47] o que lles impediu acceder a unha nova final da Copa Stanley.

En 1991 a NHL, que mantiña un número de equipos estables desde 1979, autorizou a chegada de novas franquías cunha expansión progresiva, pasando de vinte e un equipos a finais da tempada 1990-91, a vinte e dous en 1993, vinte e seis en 1994, vinte e sete en 1998, vinte e oito en 1999 e trinta en 2000. O aumento do número de equipos incrementou a dificultade para se clasificar para as series eliminatorias. Os Bruins non chegaron a final da Copa Stanley ningunha vez neses anos.[23]

Dende a súa chegada aos Bruins, Ray Bourque converteuse nun xogador imprescindible na franquía, conseguindo numerosos galardóns persoais, en 1985 foi designado capitán do equipo xunto con Rick Middleton, e en 1988 converteuse no único capitán do equipo. Finalmente Bourque desligaríase da franquía de Boston no ano 2000 ao asinar cos Colorado Avalanche, equipo co que gañaría a súa única Copa Stanley en 2001 no seu último partido.[48][49] Coas cores dos Bruins, Bourque xogou 1506 partidos e conseguiu 1518 puntos, sendo aínda na actualidade o líder do equipo de Boston en partidos xogados, asistencias e puntos.[50]

Novo milenio

Despois da chegada do novo século, os resultados dos Bruins foron moi irregulares, cuartos da súa división en 2001, vencedores ao ano seguinte, terceiros en 2003 e de novo vencedores en 2004, os derradeiros en 2006 e 2007, terceiros en 2008, vencedores en 2009 e terceiros en 2010. Tras a destitución de Pat Burns en 2000 o equipo viu seis adestradores diferentes, aínda que de novo volveu á estabilidade coa chegada de Claude Julien en 2006, e foi con el que no ano 2009 superaron por primeira volta en dez anos a primeira rolda nas series, contra un rival histórico, os Canadiens.

Sexta Copa Stanley

A tempada 2010-11 dos Bruins comezou en Europa, onde se enfrontaron dúas veces en Praga (República Checa) aos Phoenix Coyotes. Os de Boston conseguiron o título da súa división, situándose terceiros da Conferencia Leste ao final da liga regular por detrás dos Washington Capitals e os Philadelphia Flyers, primeiros e segundos respectivamente. A terceira posición da conferencia fixo que se cruzaran na primeira rolda dos play-offs co seu rival histórico, os Canadiens. Malia perder os dous primeiros partidos disputados no TD Garden de Boston, os Bruins gañaron os tres seguintes partidos (o quinto da serie logo de dúas prórrogas), mais Montreal empatou a serie no último partido que se disputaría no Canadá e todo se decidiría no definitivo sétimo encontro, no que os Bruins se impuxeron por 4 goles a 3 na súa casa, conseguindo o pase ás semifinais de conferencia.[51]

O seguinte paso na carreira polo título dos Bruins eran os segundos clasificados da conferencia, os Flyers. Malia á igualdade dos dous equipos na clasificación da liga regular, os de Boston impuxéronse por un contundente 4-0 na eliminatoria, impoñéndose en varios partidos por marcadores avultados, como o 7-3 do primeiro partido, ou o 5-1 dos dous últimos enfrontamentos.[52] A final da conferencia enfrontaríaos aos Tampa Bay Lightning, quintos clasificados na liga regular, nunha eliminatoria na que, ao igual que contra os Canadiens, os Bruins comezaron perdendo na casa. Logo dunha serie que se decidiu no sétimo encontro, os Bruins alzáronse co Prince of Wales Trophy como campións da Conferencia Leste.[53]

A final da Copa Stanley enfrontaría aos Bruins co mellor equipo da liga regular, os Vancouver Canucks. Os Canucks comezaron gañando os dous primeiros partidos da serie en Vancouver, mais os Bruins igualaron a eliminatoria gañando os seguintes dous partidos disputados na súa casa de xeito contundente (8-1 e 4-0). Nos seis primeiros partidos as vitorias decantáronse sempre a favor do equipo local, polo que todo quedaba por decidirse no sétimo encontro, en Vancouver, no que os Bruins se imporían por 4 goles a 0 no Rogers Arena, levando deste xeito a Copa Stanley a Boston por sexta vez na historia da franquía.[54] Boa parte do éxito dos Bruins chegou grazas ao seu porteiro, Tim Thomas, nomeado mellor porteiro das series eliminatorias.[55]

Dende 2011

Na tempada 2011-12 os Bruins conseguiron a primeira posición da Northeast Division, e a segunda da Conferencia Leste na liga regular con 49 vitorias en 82 partidos,[56] polo que se enfrontaron nos cuartos de final de conferencia aos Washington Capitals, sétimos clasificados no leste. Malia gañar o primeiro e o terceiro partidos, dúas vitorias consecutivas dos Capitals no cuarto e quinto partido, puxeron a eliminatoria do lado do equipo de Washington. Os Bruins igualaron a eliminatoria no sexto partido grazas a un gol na prórroga de Tyler Seguin, mais no derradeiro partido da serie os Capitals impuxéronse por 2 goles a 1 na prórroga, poñendo punto e final á defensa do título dos Bruins.[57]

Ao ano seguinte, nunha tempada marcada polo peche patronal que reduciu a tempada a 48 partidos, os Bruins conseguiron a segunda praza da súa división con 28 vitorias.[58] Nos cuartos de final de conferencia enfrontáronse aos Maple Leafs, derrotándoos en sete partidos, o último deles gañado na prórroga. Na seguinte rolda os Bruins debían desfacerse dos Rangers, conseguíndoo en cinco partidos. Na final de conferencia esperaban os Pittsburgh Penguins, aos que eliminaron por un contundente 4-0, incluíndo un 3-0 no primeiro partido e un 6-1 no segundo. Os Bruins chegaban deste xeito á final da Copa Stanley, onde se enfrontaron aos Blackhawk, que remataran campións da liga regular con 36 vitorias; os Bruins perderon na prórroga o primeiro encontro, mais impuxéronse nos dous seguintes. Porén, tres vitorias consecutivas dos Blackhawks levaron o título a Chicago.[59]

Na tempada 2013-14 os Bruins conseguiron un novo título da liga regular ao encabezar a clasificación final con 117 puntos e 54 vitorias en 82 encontros.[60] Na primeira rolda dos play-offs enfrontáronse aos Red Wings de Detroit, aos que derrotaron en cinco partidos malia perder o primeiro, clasificándose deste xeito para as semifinais de conferencia, onde se debían enfrontar aos Montreal Canadiens. Malia gañar o cuarto e o quinto partido e situar a eliminatoria nun 3 a 2 favorable para os de Boston, os Canadiens gañaron os dous seguintes encontros, deixando aos Bruins fóra da pelexa polo título.

As dúas seguintes tempadas o equipo non conseguiu a clasificación para os play-offs, finalizando na quinta posición da Atlantic Division con 96 puntos en 2015 e na cuarta posición da súa división con 93 puntos en 2016.[61][62] En febreiro de 2017, a menos de dous meses para que finalizara a liga regular, o equipo decidiu cesar a Claude Julien como adestrador, sendo substituído por Bruce Cassidy, que introduciu pequenas mudanzas no equipo para enfatizar a velocidade e as habilidades dos xogadores.[63] O equipo finalmente conseguiu a clasificación para as series como terceiro clasificado na Atlantic Division con 95 puntos,[64] con todo, o equipo caeu na primeira rolda fronte aos Ottawa Senators en seis partidos, dos cales catro decidíronse na prórroga.[65]

Other Languages
العربية: بوسطن بروينز
беларуская: Бостан Бруінз
беларуская (тарашкевіца)‎: Бостан Бруінз
български: Бостън Бруинс
català: Boston Bruins
čeština: Boston Bruins
Deutsch: Boston Bruins
English: Boston Bruins
español: Boston Bruins
euskara: Boston Bruins
français: Bruins de Boston
hrvatski: Boston Bruins
Bahasa Indonesia: Boston Bruins
italiano: Boston Bruins
lietuvių: Bostono Bruins
Nederlands: Boston Bruins
português: Boston Bruins
srpskohrvatski / српскохрватски: Boston Bruins
Simple English: Boston Bruins
slovenčina: Boston Bruins
српски / srpski: Бостон бруинси
svenska: Boston Bruins
Türkçe: Boston Bruins
українська: Бостон Брюїнс