Bivalvos

Bivalvos
Bivalvia

Rango fósil: cámbrico - actualidade
Acephala, lámina de Ernest Haeckel na súa obra Kunstformen der Natur (1904)
Acephala, lámina de Ernest Haeckel na súa obra Kunstformen der Natur (1904)
Clasificación científica
Superreino:Eukarya
Reino:Animalia
Subreino:Eumetazoa
(sen clasif.)Bilateria
Filo:Mollusca
Clase:Bivalvia
Linnaeus, 1758
Subclases
Sinonimia
Véxase o texto

A dos bivalvos (Bivalvia) é unha clase de moluscos,[1] mariños, de auga salobre ou auga doce, e que viven tamén en ríos, estanques e lagos.

Entre as especies que forman parte desta clase encontramos animais tan coñecidos como os mexillóns, as vieiras, as zamburiñas, as ameixas, as ostras, as navallas, os berberechos, etc.

Cuncha de Tridacna gigas
Aquarium Finisterrae, A Coruña.

No grupo hai unha gran variación de tamaño dende algunhas cunchas que miden entre 1 e 2 mm de diámetro ata individuos xigantes como algunhas especies do xénero Tridacna que poden acadar máis de 1 metro de lonxitude e ate 225 kg de peso.[2]

Como curiosidade, podemos dicir que nas portas de moitas igrexas de Galiza, e doutros países, úsanse como pías da auga bieita valvas de Tridacna traídas en séculos pasados das Filipinas. (Por este motivo en francés denomínanse as tridacnas como bénitiers).

A meirande parte dos bivalvos son filtradores e sedentarios e polo tanto dependen das correntes ciliares producidas polas branquias para conseguiren o alimento. A diferenza doutros grupos, como o dos cefalópodos, non teñen unha verdadeira cabeza (teñen moi pouca cefalización) e carecen de rádula.

Teñen o corpo comprimido lateralmente e un manto que contén no seu interior o saco visceral onde se aloxan as vísceras, pero a súa principal característica é a de posuíren unha cuncha composta por dúas valvas. Efectivamente, a cucha dos bivalvos, formada por carbonato de calcio e conquiolina (substancia orgánica constituída por proteínas complexas segregadas polo epitelio do molusco), consta de dúas partes, xeralmente similares, chamadas valvas (cuncha equivalva).

As valvas están unidas entre si nos seus bordos por un ligamento flexible que, unindo firmemente os dentes situados en cada unha das valvas, constitúe a chamada charneira. Esta disposición permite á cuncha abrirse e pecharse sen que as súas metades se desarticulen. A cuncha presenta xeralmente simetría bilateral, e a charneira encóntrase no plano saxital.

Batea mexilloeira nunha ría.

Os bivalvos foron desde hai moito tempo un compoñente da dieta das poboacións humanas costeiras (recordemos as acumulacións de cunchas en lugares como o castro de Baroña).

As ostras, os berberechos, as ameixas e as vieiras colléitanse e cómense desde a antigüidade, e a acuicultura converteuse recentemente nunha importante fonte de subministración de bivalvos para o consumo humano.

O mellor coñecemento dos ciclos reprodutivos dos moluscos levou ao desenvolvemento de novas técnicas de crianza, e unha mellor comprensión dos perigos do consumo de mariscos crus ou pouco cociñados axudou a mellorar o almacenamento e o procesado destes animais na industria alimentaria.

Ademais do seu uso como alimento, as ostras son a fonte máis común das perlas naturais. Así mesmo as conchas dos bivalvos utilízanse en artesanía para a fabricación de botóns e artigos de bisutaría (recordemos os colares que se venden aoa turistas na illa da Toxa). Finalmente, algúns bivalvos tamén se utilizan para controlar a contaminación do mar.

Existen arredor de 30.000 especies na clase dos bivalvos,[3] moitas das cales son comestibles e representan un valioso recurso económico en moitas rexións do mundo como é o caso de Galiza, onde se rexistraron máis de 125 especies nas súas costas.[4]

Os máis antigos fósiles de bivalvos datan do cámbrico temperán, hai máis de 500 millóns de anos.

Características externas

Tipicamente o corpo dos moluscos está formado pola cabeza e o tronco, no que se distingue unha masa visceral no dorso e un en posición ventral. Os tegumentos que revisten dorsalmente a masa visceral, máis ou menos sobesaínte, que contén os órganos internos, forman unha membrana, denominada manto ou palio, que pode segregar unha cuncha calcaria.[5][6]

Os bivalvos teñen un corpo con simetría bilateral, comprimido lateralmente e recuberto polo manto, o cal presenta no dorso dous lóbulos laterais cos bordos voltos contra á cara ventral. Os bordos poden estaren soldados máis ou menos extensamente na súa parte ventral, deixando tres aberturas: por unha delas emerxe o pé, e polas outras dúas entra e sae a auga da cavidade paleal. En correspondencia con estas dúas aberturas, o manto pode prologarse en dous tubos, de lonxitude variable, chamados sifóns. O pé é de forma triangular (a xeito de machada), e serve ao animal pare escavar na area ou na lama do fondo (por exemplo, nos berberechos); porén, ás veces falta, debido á inmobilidade do animal (por exepmplo, nas ostras).[7]

A cuncha

Artigo principal: Cuncha.
Vista interna da valva dun molusco bivalvo.

A cuncha dos bivalvos é a parte externa do corpo do animal, a modo dun exoesqueleto, e componse de dúas valvas están artelladas entre elas que poden pecharse deixando as vísceras protexidas no interior. As dúas valvas son calcarias e únense por unha charneira dorsal e xeralmente son case simétricas. Na charneira ou bisagra hai unha serie de dentes que axudan no proceso de encaixe das valvas e evitan a súa torsión.

Ocasionalmente, a cuncha tamén pode conter aragonita, que forma unha capa nacarada, a máis interna da cuncha (como no xénero Pterioida) e que pode producir o nácar ou provocar o desenvolvemento das perlas.

A cuncha comeza a formarse no estadio de larva velixer. Primeiro segrega unha substancia chamada coquiolina que forma unhas pequenas valvas e logo a substancia séguese a engadir aos bordos das valvas formando un crecemento concéntrico. Cando a larva velixer vai ao fondo, segue crecendo pero máis rapidamente do lado ventral da cuncha formándose entón unha elevación chamada umbo que indica a posición da parte máis antiga da cuncha.

O manto está unido á superficie interna das valvas e termina en tres repregamentos dos que o máis externo segrega sucesivas capas de cuncha.

En xeral, a cuncha está formada por tres capas:

  • Periostracum (perióstraco): é a capa máis externa, formada no bordo interno da cuncha e composta dunha substancia orgánica córnea chamada conchiolina. É a capa que lle dá cor á cuncha e ás veces outórgalle un aspecto amarelado, acastañado ou escuro á parte externa [8] . O periostracum pode conter pelos e pode desprenderse da cuncha cando se deixa secar.
  • Ostracum (óstraco): é a capa intermedia, formada por calcita disposta en forma prismática para darlle máis consistencia a cuncha, de aí que ás veces se lle chame capa prismática. Tamén posúe moléculas proteicas que forman unha matriz.
  • Hipóstraco ou capa nacarada: é a capa interna, formada por numerosas e finas capas superpostas de aragonita e ás veces calcita, dispostas paralelamente á superficie do manto. Nalgunhas especies o manto segrega esta capa arredor de corpos estraños formando unha perla.
Vista dorsal das valvas dun bivalvo

A secreción de nácar desaparece nas zonas onde os músculos se insiren nas valvas e forman impresións musculares. As impresións musculares máis grandes prodúcenas os músculos adutores que son os que pechan as valvas. Algúns bivalvos teñen un músculo adutor anterior e outro posterior e outros só teñen o posterior, que se atopa nunha posición máis centrada na cuncha. Existen outros músculos que deixan impresións como o orbicular que, entre outras funcións, serve para a retracción dos sifóns. Tamén hai un par de músculos retractores anteriores e un par de músculos retractores posteriores que serven para o movemento do [9].

As dúas valvas da cuncha mantéñense unidas por un ligamento que está integrado por dúas partes: o tensilium (ligamento externo) e o resilium (ligamento interno). O ligamento abre as cunchas.

En definitiva, a cuncha é un exoesqueleto que serve no só como protección fronte aos depredadores e para evitar os danos mecánicos, senón tamén para a inserción dos músculos.

O manto e as vísceras

Anatomía interna dunha ameixa

O manto é un repregamento laminar delgado e brando que envolve toda a masa visceral do animal. As súas células precipitan o carbonato de calcio do sangue para facer crecer a cuncha, os dentes e os ligamentos. Os bordos do manto poden ser lisos ou ter extensións sensoriais ou ollos primitivos (ollos paleais). O manto permanece unido á cuncha por moitos músculos retractores do manto, de pequeno tamaño, que están dispostos nunha estreita liña ao longo do interior da cuncha. Este liña deixa unha marca redondeada que adoita ser claramente visible no interior de cada valva e leva o nome de liña paleal.[10] Ás veces ten un entrante ou seo paleal, producido pola presenza de sifóns, que son uns condutos que serven para a entrada e saída de auga do interior, e que se coñecen cos nomes de sifón inhalante (entrada) e sifón exhalante (saída). As especies de bivalvos que viven enterradas no substrato adoitan ter longos sifóns que ás veces poden retraer no interior do manto na zona do seo paleal.

Anatomía interna dunha ostra

Na parte posterior do corpo aparece un espazo onde desembocan os órganos excretores (nefridios), dixestivos (ano) e sexuais (gonóporos) e onde se atopan as branquias (ctenidios), espazo que leva o nome de cavidade paleal.[10]

As vísceras están situadas no lado inferior, e con elas aparece un con forma de machada, con función locomotora e escavadora, e que ten un suco fino na cara posterior. Tralo pé atópase a glándula do biso que produce o chamado biso, que lle serve ao animal para fixarse ao substrato. Este se compón dun tallo (eixo groso e curto), filamentos e unha placa adhesiva, que é a que produce a verdadeira ancoraxe debido a unha substancia que baixa polo suco do pé e que se endurece ao contacto coa auga. A bolsa de polichinela é posterior ao biso e contén as gónadas, presentando unha cor branca nas femias mentres que nos machos é dun ton amarelo.

Other Languages
Afrikaans: Tweekleppige
asturianu: Bivalvia
azərbaycanca: İkitaylılar
беларуская: Двухстворкавыя
беларуская (тарашкевіца)‎: Двухстворкавыя
български: Миди
brezhoneg: Daougleureged
català: Bivalves
Cebuano: Ukab-ukab
čeština: Mlži
dansk: Muslinger
Deutsch: Muscheln
Ελληνικά: Δίθυρα
English: Bivalvia
Esperanto: Duvalvulo
español: Bivalvia
eesti: Karbid
euskara: Bivalvia
suomi: Simpukat
français: Bivalvia
Nordfriisk: Twiiskaalagen
Gaeilge: Débhlaoscach
Avañe'ẽ: Mymba ijyta mokõi
עברית: צדפות
हिन्दी: पटलक्लोमी
hrvatski: Školjkaši
magyar: Kagylók
interlingua: Bivalvia
Bahasa Indonesia: Bivalvia
Ido: Bivalvo
íslenska: Samlokur
italiano: Bivalvia
日本語: 二枚貝
Basa Jawa: Bivalvia
한국어: 이매패류
Latina: Bivalvia
Lëtzebuergesch: Muschelen
Lingua Franca Nova: Bivalva
lietuvių: Dvigeldžiai
latviešu: Gliemenes
македонски: Школки
Bahasa Melayu: Bivalvia
Plattdüütsch: Musseln
Nederlands: Tweekleppigen
norsk nynorsk: Muslingar
norsk: Muslinger
ਪੰਜਾਬੀ: ਸਿੱਪੀਆਂ
polski: Małże
پنجابی: سپیاں
português: Bivalvia
Runa Simi: Lakachu
română: Bivalve
Scots: Bivalvia
srpskohrvatski / српскохрватски: Školjke
Simple English: Bivalve
slovenčina: Lastúrniky
slovenščina: Školjke
српски / srpski: Шкољке
svenska: Musslor
తెలుగు: ఆల్చిప్ప
Tagalog: Bivalvia
Türkçe: Bivalvia
українська: Двостулкові
oʻzbekcha/ўзбекча: Ikki pallalilar
West-Vlams: Twêekleppign
Winaray: Bivalvia
中文: 双壳纲
Bân-lâm-gú: Siang-khak-kong
粵語: 雙殼綱