Ana Pastor Julián

Ana Pastor Julián
Medalla de Galiza.svg
Ana Pastor Julián, November 2017 (9821) (cropped).jpg
Nome completoAna María Pastor Julián
Nacemento11 de novembro de 1957
 Cubillos
NacionalidadeEspaña
Alma máterUniversidade de Salamanca
Ocupaciónpolítica
CónxuxeJosé Benito Suárez Costa
PremiosGran Cruz da Orde de Cristo
editar datos en Wikidata ]
Ana María Pastor Julián.

Ana María Pastor Julián, nada o 11 de novembro de 1957 en Cubillos, provincia de Zamora,[1] é unha médica e política española que realizou a maioría da súa vida profesional en Galicia.

Dende xullo de 2016 é presidenta do Congreso dos Deputados. Anteriormente foi ministra de Sanidade e Consumo do Goberno de España entre os anos 2002 e 2004 e ministra de Fomento entre 2011 e 2016.

Traxectoria

Formación

Naceu no seo dunha familia de labradores. O seu pai, Victoriano Pastor, aínda que nacido en Viveiro, residía na vila zamorana de Cubillos.[2] Ana Pastor fixo os seus primeiros estudos na escola da súa vila natal, sendo unha alumna aventaxada de Evangelina, a súa mestra. Na súa xuventude pensaba ser matemática,[1] pero máis tarde orientouse cara á medicina, licenciándose na Universidade de Salamanca, e especializánsode en Medicina Familiar e Comunitaria.

Ademais de licenciada en Medicina e Cirurxía, é MBA en Business Administration.[3] Ademais, é funcionaria do Corpo Superior de Saúde Pública e Administración Sanitaria do Estado.[Cómpre referencia]

Actividade como médica

O seu primeiro destino profesional foi como médica no centro de saúde do concello de Crecente, posto obtido por oposición. Alí coñeceu ao que sería o seu marido, o crecentense José Benito Suárez Costa, hoxe presidente da Autoridade Portuaria de Marín-Pontevedra.[1][4]

Posteriormente foi xefa do servizo de Planificación Sanitaria da delegación pontevedresa da Consellería de Sanidade e Servizos Sociais, logo foi xerente de Atención Primaria na provincia de Pontevedra e despois directora provincial do Sergas.

Actividade na política

Ana Pastor canda Rosa Díez, nunha manifestación de Galicia Bilingüe.
Ana Pastor en 2014.

En 1996, tras o triunfo electoral do Partido Popular nas eleccións xerais, foi nomeada directora xeral da Mutualidad Xeral de Funcionarios Civís do Estado (MUFACE), dependente do ministerio de Administracións Públicas, que tiña daquela como titular a Mariano Rajoy.

A partir dese momento inicia unha carreira ascendente na administración do Estado, que a levan a ocupar sucesivamente os postos de subsecretaría en todos os departamentos dos que Rajoy foi nomeado ministro: Educación e Cultura (1999), Presidencia (2000) e Interior (2001). Finalmente, entre 2002 e 2004 convértese en ministra de Sanidade e Consumo.[5]

Eleccións a Cortes 2016. Candidatos a deputados por Pontevedra polo PP.

Foi elixida deputada en 2000, 2004, 2011, decembro de 2015 e de xuño de 2016 polo Partido Popular pola provincia de Pontevedra.

Desde 2004 é Secretaria Executiva de Política Social e Benestar do PP.

En 21 de decembro de 2011 foi designada ministra de Fomento por Rajoy, para formar parte do primeiro goberno do PP tras o triunfo do devandito partido nas Eleccións Xerais do 20 de novembro, posto que ocupou durante toda a lexislatura.

Presidencia do Congreso

O presidente do Partido Popular, Mariano Rajoy, anunciou o 18 de xullo de 2016 que Pastor era a candidata dos populares á presidencia do congreso dos Deputados.[6]

O 19 de xullo de 2016 foi proclamada presidenta do Congreso da XII Lexislatura. A súa designación necesitou de dúas roldas de votacións da sesión constitutiva, xa que na primeira non alcanzou a maioría absoluta requirida polo regulamento da Cámara. Na segunda acadou a maioría simple, obtendo 169 votos dos deputados do PP e de Ciudadanos, e 10 máis seguramente dos nacionalistas cataláns e vascos, fronte aos 155 obtidos polo candidato socialista e anterior presidente da Cámara, Patxi López (ademais, houbo 25 votos en branco).[5][7][8]

Tras a súa toma de posesión, Pastor converteuse na segunda muller que preside o Congreso, tras a tamén popular Luisa Fernanda Rudi.[9][10]

Ao día seguinte á súa proclamación, a nova presidenta foi recibida polo rei Filipe VI, a quen lle comunicoou oficialmente que a Cámara Baixa quedara constituída e lle trasladaou a relación de forzas políticas que a compoñenen, para que o xefe do Estado poida iniciar así a rolda de consultas políticas previas á investidura.[5][11]