Ameloblasto

Dente en desenvolvemento cos ameloblastos e o esmalte (enamel) indicados.
Área da asa cervical (cervical loop): (1) células do folículo dental, (2) mesénquima dental, (3) odontoblastos, (4) dentina, (5) retículo estrelado, (6) epitelio do esmalte externo, (7) epitelio do esmalte interno, (8) ameloblastos, (9) esmalte.

Os ameloblastos son células que están presentes só durante a formación dos dentes, e que depositan o esmalte dentario, que é a capa máis externa e dura do dente.

Os ameloblastos son células que segregan as proteínas do esmalte enamelina e ameloxenina que despois se mineralizarán para formar o esmalte dos dentes, a substancia máis dura do corpo humano.[1] Cada ameloblasto é de aproximadamente 4 micrómetros de diámetro, 40 de lonxitude e teñen sección hexagonal. Son, pois, células moi alongadas. O extremo secretor do ameloblasto acaba nunha proxección similar a unha pirámide de seis lados denominada prolongación ou proceso de Tomes, que está incluída na matriz do esmalte. O ángulo do proceso de Tomes é significativo na orientación dos bastonciños ou prismas de esmalte que se forman. Os núcleos celulares dos ameloblastos son elípticos e situados preto da base, e a maioría das mitocondrias están situadas entre o núcleo e a base da célula, e por riba do núcleo está o aparato de Golgi e o retículo endoplasmático. Na zona do aparato de Golgi e na apical hai numerosos gránulos secretorios cos compoñentes glicoproteicos da matriz do esmalte. Formáronse no aparato de Gogi e diríxense ao proceso de Tomes.[2]

Os ameloblastos derivan do tecido do epitelio oral de orixe ectodérmica. A súa diferenciación ten lugar a partir de preameloblastos como resultado de sinais químicos enviados polas células endomesenquimais da papila dental. Os ameloblastos só se farán completamente funcionais despois de que os odontoblastos formen a primeira capa calcificada de dentina. Enriba desa dentina os ameloblastos depositan capas da matriz do esmalte. A medida que crece a cantidade de esmalte, os ameloblastos vanse retirando. A calcificación da matriz do esmalte comeza na periferia dos bastonciños de esmalte e continúa cara ao seu interior, e cando está completa permanece pouco material orgánico. Os ameloblastos controlan a composición iónica e orgánica do esmalte. Axustan as súas actividades de secreción e resorción para manter unhas condicións favorables para a biomineralización. Cando o grosor e extensión do esmalte é a definitiva, os ameloblastos convértense en células pequenas cuboideas, elaboran a cutícula externa do esmalte e atrófianse.[2]

A liña celular ALC murina é de orixe ameloblástica.[3]

Ciclo de vida dos ameloblastos

O ciclo de vida dos ameloblastos consta de seis estadios:

  1. Estadio morfoxénico.
  2. Estadio organizador.
  3. Estadio formativo (secretor) (aparecen os procesos de Tomes)
  4. Estadio madurativo.
  5. Estadio protectivo.
  6. Estadio desmolítico.
Other Languages
čeština: Ameloblast
Deutsch: Adamantoblast
English: Ameloblast
español: Ameloblasto
magyar: Ameloblaszt
italiano: Ameloblasto
Nederlands: Ameloblast
norsk nynorsk: Ameloblast
polski: Ameloblast
português: Ameloblasto
српски / srpski: Адамантобласт
Türkçe: Ameloblast
українська: Амелобласти