Alfredo Stroessner

Retrato de Alfredo Stroessner en 1983.

Alfredo Stroessner Matiauda, nado o 3 de novembro de 1912 en Encarnación, e finado o 16 de agosto de 2006 en Brasilia, foi un militar, político e ditador paraguaio. Foi Presidente de Paraguai entre o 15 de agosto de 1954 e o 3 de febreiro de 1989, onde exerceu unha ditadura que durou 35 anos.

Traxectoria

Fillo dun inmigrante alemán, estudou no Colexio Militar de Asunción, e aos vinte anos alistouse no exército paraguaio, onde realizou unha brillante carreira que lle permitiu ascender rapidamente, ata chegar a ocupar o cargo de comandante en xefe militar en 1951.

En 1954 derrocou o presidente Federico Chávez Careaga nun golpe militar asumindo a presidencia tras unhas eleccións, nas que foi o único candidato. Controlou o país co apoio do Partido Colorado e do Exército, suprimiu pola forza á oposición e aboliu a liberdade de prensa.No seu mandato, ditadores e antigos membros do Partido Nacionalsocialista Alemán dos Traballadores alemán atoparon refuxio en Paraguai. Usou a axuda estranxeira para reducir a inflación e crear escolas, estradas, hospitais e centrais hidroeléctricas. Promulgou unha nova Constitución en 1967 e reformouna en 1977 para crear dispositivos legais que permitisen a prolongación do seu mandato, ata que foi derrocado en 1989 por un golpe militar dirixido polo xeneral Andrés Rodríguez.

Durante o Goberno de Stroessner calcúlase que preto de 30.000 persoas desapareceron ou foron asasinadas en Paraguai. Foi condenado por asasinato e, os tribunais paraguaios seguiron máis de 30 procesos criminais por torturas, asasinatos e desaparicións ocorridos na época.En setembro de 2004 un xuíz de Paraguai ordenou a captura e extradición do antigo dirixente asilado en Brasil. O maxistrado Gustavo Santander emitiu a orde baseada na desaparición de tres persoas que serían arrestadas durante o desenvolvemento da denominada " Operación Cóndor", o plan de coordinación da represión levado a cabo polos servizos de intelixencia militar do Cono Sur nas décadas de 1970 e 1980.O ex presidente de Paraguai Alfredo Stroessner morreu o mércores 16 de agosto de 2006 en Brasília aos 93 anos. Estaba hospitalizado nunha clínica da capital brasileira debido a problemas pulmonares.

Other Languages
беларуская: Альфрэда Стрэснер
Avañe'ẽ: Alfredo Stroessner
Bahasa Indonesia: Alfredo Stroessner
Lëtzebuergesch: Alfredo Stroessner
Nederlands: Alfredo Stroessner
português: Alfredo Stroessner
Simple English: Alfredo Stroessner
slovenščina: Alfredo Stroessner
српски / srpski: Алфредо Стреснер
Tiếng Việt: Alfredo Stroessner