Acta de abxuración

Primeira páxgina da Acta.

A Acta de abxuración do 26 de xullo de 1581, tamén coñecida como Acta da Haia, Abxuración da Haia ou Acta de deposición da Haia (Plakkaat van Verlatinghe en neeerlandés), foi unha lei redactada polos Estados Xerais dos Países Baixos que significou a declaración de independencia formal das provincias do norte dos Países Baixos españois da súa obediencia ao rei Filipe II de España.

A abxuración

Tras o estalido da rebelión dos Países Baixos en 1564 e o inicio da guerra dos Oitenta Anos, a Acta de abxuración representa o punto de non retorno na rebelión, tras o cal xa non hai acordo posíbel entre os rebeldes holandeses e a coroa española.

O 26 de xullo de 1581, as provincias de Brabante, Ducado de Güeldres, Condado de Zutphen, Holanda, Zelandia, Frisia, Señorío de Malinas e Principado de Utrecht,[1] anularon nos Estados Xerais dos Países Baixos a súa vinculación co rei de España Filipe II, pola Acta de abxuración, e elixiron como "Principe e señor dos Países Baixos" e "defensor" das súas liberdades a Francisco de Anjou, duque de Alençon e de Anjou.

A asemblea omitiu de maneira expresa o título de rei, e determinou que debía servir aos seus súbditos e respectar as súas leis e tradicións e, en caso contrario, o pobo tiña dereito a elixir a outro gobernante.

Pero Filipe II non renunciou a estes territorios, e o gobernador dos Países Baixos Alexandre Farnesio iniciou a contraofensiva e recuperou á obediencia do rei de España de gran parte do territorio,[2] especialmente tras o asedio de Antuerpen, pero parte deles volvéronse a perder tras a campaña de Mauricio de Nassau.